O peche turco de Arlet Ortiz chegou este xoves ao seu fin, podendo emprender a viaxe de regreso a casa.
A deportista do Mat's de Marín atopábase recluída no seu hotel de Istambul tras dar positivo nun test de covid no transcurso do recente Open de Turquía de taekwondo, o pasado 11 de marzo.
Arlet, que superara as dúas primeiras roldas do torneo con boas sensacións, viuse obrigada a abandonar antes dos cuartos de final ao revelarse o seu positivo na última proba realizada antes da competición, o que lle fixo pasar a enfermidade na capital turca sen poder regresar co resto de deportistas españois presentes na cita.
Agora 13 días despois a proba PCR á que foi sometida a deportista deu negativo, polo que puido iniciar a súa viaxe de regreso a Galicia, segundo confirma a Federación Galega de Taekwondo.
A deportista internacional marinense superou o coronavirus "case sen síntomas", engade a Federación.