Semana fantástica para Iván García a nivel internacional. O deportista do Mat's de Marín, que a pasada fin de semana conseguira a medalla de prata no Open de Sofía, en Bulgaria, repetiu presenza no podio no Open de Turquía, pero esta vez subindo ao chanzo máis alto.
Iván levou a medalla de ouro no torneo celebrado en Istambul na categoría de +87 quilos, vencendo nos seus catro combates e ante rivais de entidade.
O primeiro deles foi o local Muhammet Cetinkaya, ao que superou con claridade, mentres que na súa segunda rolda superou a todo un subcampión olímpico en 2012 e medallista mundial como o gabonés Anthony Mylann. Xa en semifinais esperaba o polaco Mikolaj Szaferski, vencendo por 18-10.
Non quedou aí a cousa, e na gran final enfrontouse o campión olímpico en 2016, Radik Isaev. Foi un comabte tenso e moi disputado que finalmente caeu de lado do galego, completando desta forma unha xira internacional de gran nivel que lle vale para sumar 16 puntos no ranking mundial e sobre todo achégalle unha gran experiencia ante varios taekwondistas de contrastado nivel.
Pero se Iván foi a cara en Turquía, a cruz foi a súa compañeira de equipo Arlet Ortiz. A marinense superara as dúas primeiras roldas, pero tivo que abandonar a competición cando se dispoñía disputar os cuartos de final ao confirmarse que dera positivo por covid.
Un fallo de protocolo fixo que non se soubese o resultado da proba realizada antes do torneo ata xa comezado, comunicándollo á deportista no medio da competición.
Aínda que se atopa en "perfectas condicións físicas", segundo confirma a Federación Galega de Taekwondo, Arlet deberá quedar illada en Istambul ata dar negativo nunha PCR.