Un árbitro con oito tempadas en Primeira para o Pontevedra-Villarreal de Copa

Pontevedra
02 de decembro 2024
Actualizado: 17:01

O asturiano Pablo González Fuertes será o encargado de dirixir o choque de Copa do Rei entre Pontevedra e Villarreal. Será a novena vez que dirixa un partido no Estadio Municipal de Pasarón

González Fuertes nun partido entre Valladolid e Rayo Vallecano LaLiga

O Comité Técnico de Árbitros (CTA) da Real Federación Española de Fútbol deu a coñecer este luns as designacións arbitrais para os encontros de segunda rolda de Copa do Rei.

No caso do Pontevedra Club de Fútbol, que recibirá en Pasarón o mércores 4 de decembro ao Vilarreal, contará cun colexiado de Primeira División para a cita.

En concreto farao cun árbitro que encadea este curso a súa oitava tempada dirixindo partidos na máxima categoría nacional.

Trátase do asturiano Pablo González Fuertes, de 44 anos de idade, e que estará auxiliado nas bandas por Israel Bárcena Rodríguez e Rubén Becerril Gómez.

Na súa ampla traxectoria profesional González Fuertes suma cinco cursos en Segunda División e oito máis na xa desaparecida Segunda B, na que coincidiu en multitude de ocasións co conxunto granate.

De feito será a novena vez que dirixa un partido oficial no Estadio Municipal de Pasarón, sendo todas as anteriores precisamente nesa época na Segunda División B.

Neses partidos o balance é positivo para o Pontevedra, con seis vitorias granates, un empate e unha derrota, curiosamente na súa última visita na tempada 2010-2011 nun encontro fronte ao Real Madrid Castilla (0-2).

A estas cifras súmase unha derrota a domicilio en Ourense.

O cuarto árbitro do Pontevedra-Villarreal de Copa do Rei será o tamén asturiano Francisco García Riesgo, colexiado de Primeira RFEF.