Aprobado o protocolo para o uso das instalacións deportivas municipais

Pontevedra
30 de xullo 2020

Na súa primeira fase, que se propón iniciar de maneira inmediata, poderán utilizar as instalacións os deportistas federados, pero só realizando actividades que non supoñan contacto físico

Pabellón Multiusos da Xunqueira PontevedraViva

A concellería de Deportes de Pontevedra aprobou o protocolo básico de actuación para o uso das instalacións deportivas que dependen directamente do goberno municipal.

Este paso supón na práctica a reapertura das instalacións, que permanecían pechadas salvo algunha excepción para equipos de competición (Leis para preparar o play-off e máis recentemente Cisne).

O protocolo establece un calendario de cinco fases, que serán revisadas de forma periódica en función da evolución da pandemia. Na primeira delas, que se propón iniciar de inmediato, reactívase o uso das instalacións deportivas pero só para o deporte federado e para actividades que non supoñan contacto físico.

Esta circunstancia xa provocou algúns problemas cos clubs, tras compartir o Cisne un extracto dunhas das súas sesións de pretempada no pavillón Multiusos lembrando o Servizo Municipal de Deportes que "a actividade física autorizada pola Xunta, e recollida no protocolo do Concello, e aquela q se poida desenvolver sen contacto físico".

En canto ás normas básicas en materia de hixiene serán segundo o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, "o distanciamento físico de máis dun metro e medio, o constante lavado das mans e o uso obrigatorio de máscara".

A medida que as condicións melloren avanzarase ás seguintes fases, nas que se inclúen todo tipo de actividades deportivas, dando paso tamén ao resto de persoas usuarias habituais das instalacións deportivas e non só aos federados.

Consulta aquí o protocolo completo elaborado pola Concellería de Deportes de Pontevedra para o uso das instalacións deportivas ante a situación de alerta sanitaria.