Aprazado o partido do Teucro en Zarautz á espera dos resultados das PCR aos xogadores

Pontevedra
25 de novembro 2021

O Comité de Competición aceptou a petición de aprazamento do Teucro tras o positivo en covid dun dos integrantes do primeiro equipo. Coa maioría dos xogadores citados ao longo deste xoves polo Sergas para realizarse test PCR e a previsión de non ter os resultados ata última do venres ou mesmo o sábado, pesou na decisión a dificultade para completar o desprazamento ao País Vasco a tempo para o choque

Partido de División Honra Prata entre Teucro e Villa de Aranda no Pavillón Municipal Cristina Saiz

O Comité de Competición da Real Federación Española de Balonmán suspendeu oficialmente o encontro da División de Honra Prata que debía enfrontar este sábado no País Vasco ao Amenabar Zarautz e á Sociedad Deportiva Teucro.

O club pontevedrés solicitara o aprazamento tras detectar o pasado martes un positivo por  covid no seu primeiro plantel, suspendendo desde ese momento os adestramentos do equipo por precaución.

Notificada a situación ao Servizo Galego de Saúde, o mércores foron tres os xogadores citados polo Sergas para someterse a probas PCR, co resto de xogadores chamados a pasar o trámite ao longo deste xoves.

No seu argumento ante Competición o Teucro argumentaba a dificultade de completar o desprazamento ao País Vasco a tempo para o choque tendo en conta que a previsión é poder coñecer os resultados das probas aos xogadores a última hora do venres ou mesmo o propio sábado, ao que se sumaban os gastos derivados de viaxe que debían ser asumidos igualmente.

O Comité valorou este punto aceptando a solicitude, polo que agora haberá que buscar nova data para o partido, correspondente á a oitava xornada de liga.

Aínda cos adestramentos suspendidos e a pesar de que a totalidade do persoal teucrista está vacinada, o club recomendou aos seus xogadores permanecer nos seus respectivos domicilios para minimizar no posible o risco de que que se produzan máis contaxios.