Tensa espera para Támara Echegoyen, que tiña previsto afrontar este luns a decisiva Medal Race na clase 49er FX de vela.
A falta de vendo na baía de Ensohima provocou a cancelación da xornada, coas primeiras finais entre as que se atopaba a que debía disputar a pontevedresa e xunto á balear Paula Barceló.
Ante estas condicións a organización de Tokyo 2020 pospuxo 24 horas as regatas, que se disputarán o martes 3 de agosto xunto ás finais previstas das clases Finn e Nacra 17, con inicio ás 5.33 horas da mañá en España.
Cabe lembrar que Támara Echegoyen e Paula Barceló chegan á proba decisiva na cuarta posición provisional con 77 puntos, a catro do bronce provisional das alemás Tina Lutz e Susan Beucke (73), mentres que o primeiro e segundo posto ocúpano as holandesas Annemiek Bekkering e Annette Duetz (70 puntos) e as actuais campioas olímpicas, as brasileiras Maritine Grael e Kahena Kunze (70 puntos).
A pesar das diferenzas todo está aínda por decidir nunha Medal Race que puntúa dobre e na que calquera erro pode resultar decisivo.