A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha nova edición do programa DEPOrte Escolas, que desenvolve con diferentes federacións deportivas.
As inscricións, segundo anunciou o deputado provincial Gorka Gómez, abriron este xoves a través de cada unha das federacións e permanecerán activas ata o próximo 30 de setembro.
Trátase dunha iniciativa que busca "afianzar os valores dos nenos e nenas desde a base para a práctica de actividade deportiva, a igualdade e o fomento dos hábitos saudables", sinalou.
En concreto este programa provincial contará este curso cun orzamento de 340.000 euros para chegar a 32 municipios.
Serán en total 146 escolas deportivas, nas que nenos e nenas de entre 6 e 14 anos poderán inscribirse en oito modalidades: atletismo, baloncesto, balonmán, judo, loita, piragüismo, rugby e taekwondo.
Por outra banda, debido á renuncia da federación de patinaxe, nesa modalidade as escolas terán un funcionamento diferente, cedéndose a xestión aos concellos de Gondomar, Valga, A Guarda, Forcarei, Moraña, Pazos de Borbén, Ribadumia e Tomiño.