Apercibimento de peche para o Estadio de San Pedro

Marín
24 de outubro 2024
Actualizado: 14:41

A Real Federación Galega de Fútbol apercibiu de peche o estadio do Marín CF tras un 'golpe'dun afeccionado ao árbitro. O club marinense non está de acordo e alega "indefensión"

Valado do Estadio de San Pedro de Marín PSOE de Marín

O Comité de Competición da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) multou o Marín CF e apercibiu de peche o Estadio Municipal de San Pedro tras un incidente acontecido o pasado 20 de outubro nas instalacións municipais.

Foi durante o encontro da xornada 7 de liga de Primeira Futgal entre o Marín CF e CD Soutomaior, que finalizou con triunfo visitante por 1-2 nun choque con dúas expulsións no bando local, do seu porteiro e o seu adestrador.

Explica Competición que a sanción e o apercibimento de peche ou de celebración de partidos a porta pecha adóptase por uns feitos "cualificados como graves" segundo o regulamento.

En concreto refírese a un "incidente de público consistente no golpeo por parte dun afeccionado do club locatario na cabeza do colexiado principal do partido, en canto resulta acreditado que o club Marín CF non adoptou as medidas conducentes á prevención do feito acaecido sendo as medidas de seguridade insuficientes ou de escasa eficacia para a evitación do mesmo", relata a resolución da RFGF.

Con todo o Marín CF non está conforme co reflectido na acta arbitral, e por iso presentou un recurso ante o Comité de Apelación sentindo "indefensión fronte á autoridade arbitral".

Alega o club marinense entre outras cousas "a imposibilidade de recibir o colexiado un golpe por parte do público, porque o público non ten acceso ao túnel de vestiarios e a distancia desde a bancada é considerable".

Este recurso foi desestimado ante a presunción de veracidade da que goza a acta arbitral tal e como recoñece o Comité Galego de Xustiza Deportiva (CGXD), e porque o "Marín CF non presenta proba algunha aos efectos que avale ou corrobore o relato fáctico alternativo ao descrito na acta".

"O alegante presenta alegacións orfas de calquera valor probatorio, e mesmo discordantes, indicando en relación aos incidentes de público a imposibilidade de 'golpear' ao colexiado, pero si a posibilidade de ser 'tocado', o que evidencia unha clara contradición", sinala a RFGF na resolución final do caso.