Ao Pontevedra de Antonio só lle faltan "matices" que acheguen "un salto de calidade"

Pontevedra
28 de xullo 2022

O adestrador granate non ten présa para pechar a plantel pero pide que as novas fichaxes cheguen con "fame e que acheguen máis nivel do que temos no persoal"

Vitoria do Pontevedra no seu primeiro duelo de pretemporada fronte ao Lugo Mónica Patxot

A era Antonio Fernández no Pontevedra non puido empezar dunha maneira mellor. Estrea en casa con vitoria ante un rival de categoría superior e ofrecendo, por momentos, un fútbol moi vistoso. "Foi un bo partido, pódense sacar cousas moi positivas cunha semana e media de adestramentos", declarou o técnico tras o partido. 

O preparador destacou o carácter traballador de todo o equipo tanto na primeira e segunda parte e tamén o descaro á hora de ir pola vitoria. "Temos que meternos nesta dinámica de ser solidarios e traballar desde o dianteiro ao porteiro. Ademais, demostraron ter argumentos á hora de ter a pelota e non esconderse. Vin cousas que xa coñecía de ver en vídeos do ano pasado pero demostráronme que teñen moi bo nivel", valorou con satisfacción.

Aínda que se mostra decidido a "dar continuidade ao bo do ano pasado", sobre o verde de Pasarón xa se puideron ver os primeiros "matices" do seu librillo. "Partimos dunha estrutura de ataque clara e a estrutura defensiva haberá que manexala vendo as fortalezas dos rivais", puntualizou Fernández, quen expuxo no seu primeiro encontro un once con dous extremos puros e un mediapunta, en lugar do esquema con dous interiores e dous dianteiros que afacía empregar o exentrenador Anxo Rodríguez.

A pesar das boas sensacións, ao Pontevedra aínda lle faltan pezas para ser un equipo competitivo en Primeira Federación. Aínda que o debut Ángel Bastos puxo a nota positiva, o de Derik Osede, que está a proba, aínda non se pode valorar. O central saltou ao campo no minuto sesenta e foi sustituído quince minutos despois por precaución. "Leva pouco tempo adestrando, queriamos velo e igual foi un pouco precipitado. Sentiu molestias musculares, o normal a estas alturas de pretemporada", puntualizou Antonio restando importancia a unha posible lesión. 

Recoñece o técnico nado en Ourense que o equipo precisa fichaxes, pero non ten présa. "Teño que traballar co que temos e ter calma", remarca deixando clara a importancia de "acertar nesas posicións", pero sen especificar cales son.

Neste sentido, sostén Antonio que "só faltan martices", pero pide que as novas incorporacións sirvan para "dar ese salto de calidade". Reclama o adestrador granate "xogadores que veñan con fame e que acheguen máis nivel do que temos no plantel".