Ao Pontevedra bástalle cunha gran primeira parte para impoñerse (3-1) ao Izarra

Pontevedra
15 de novembro 2015

O Pontevedra mantén a súa liña positiva de xogo e resultados achegándose ao obxectivo da permanencia con pasos de xigante. Fronte ao Izarra tivo dúas caras, unha excelente na primeira parte, na que sentenciou o partido, e outra gris na segunda, na que sufriu máis da conta, pero na que soubo manter o resultado favorable que lle coloca empatado a puntos coas posicións de play-off

Pablo Carnero consegue con este remate o segundo gol do Pontevedra ante o Izarra en Pasarón Diego Torrado

Suma e segue. O Pontevedra mantén a súa liña positiva de xogo e resultados achegándose ao obxectivo da permanencia con pasos de xigante. Fronte ao Izarra tivo dúas caras, unha excelente na primeira parte, na que sentenciou o partido, e outra gris na segunda, na que sufriu máis da conta, pero na que soubo manter o resultado favorable que lle coloca empatado a puntos coas posicións de play-off.

Os de Luisito realizaron un primeiro tempo moi completo, cun único lunar que lle custou o gol do empate momentáneo dos navarros. Intensos na disputa dos balóns divididos fronte a un equipo moi físico, os granates souberon dominar a través da posesión de balón a un rival que buscaba un fútbol máis directo.

Tras uns minutos de tenteo e axuste, o Pontevedra adiantábase pronto. Borjas fabricou a xogada do penalti. Íñigo García lle trabó claramente e o mesmo Borjas transformou a pena máxima poñendo o balón na escuadra.

Puido ampliar a conta o mesmo Borjas pouco despois, pero o seu remate nun pase de espuela de Pablo Carnero saíu frouxo.

Logo chegou o lunar. Un saque de esquina cedido de forma innecesaria termina no empate navarro. O saque de Julen pon o balón na cabeza dun desmarcado Briñol, que remata de forma inapelable desde metade da área á escuadra.

Pero a partir de aí comezou o verdadeiro concerto futbolístico dun Pontevedra que segue crecendo a cada xornada. Mouriño puido marcar, como anticipo da mellor xogada do partido que si terminou en gol. Verdú meteuse ata a liña de fondo tras unha boa triangulación. O seu centro prolóngao Borjas e Pablo Carnero cruza por raso evitando a saída do meta visitante.

Dous minutos máis tarde de novo Pablo Carnero rozou o gol. Fíxoo nun centro de Jandrín que o dianteiro rematou de cabeza, lixeiramente desviado.

Non perdoaría pouco despois cando Aitor Navarro fai un mal despexe que intercepta Jandrín. Pablo Carnero recibe o pase e coa esquerda engana ao meta navarro facendo o 3-1.

Puido meterse o Izarra no partido no tempo engadido antes do descanso, pero o remate de Pito nunha contra estrelouse no poste.

Cambiou radicalmente a decoración no segundo tempo. O Pontevedra botou as súas liñas 10 metros atrás, perdeu o balón e caeu na trampa do seu rival, xogando co seu estilo máis directo en busca dunha contra que non chegou. Diso aproveitouse o Izarra para crear varias ocasións, a maioría finalizadas por Pito e abortadas por un segurísimo Edu.

Os granates agora apenas chegaban e só deron mostras de perigo nun remate de Borjas, de cabeza, que saíu fóra.

Pero os de Luisito aguantaron. Souberon sufrir ata asegurar tres puntos que lle sitúan coa metade do obxectivo conseguido. Tempo haberá como ben se encargou de afirmar o técnico de mirar cara arriba. De momento a meta é seguir traballando coa mesma humildade e pensando en abrir brecha coa parte baixa. Iso si, ninguén oculta o mérito de sumar 18 puntos dos últimos 21 en disputa.

PONTEVEDRA CF (3): Edu; Adrián, Pablo, Bruno, Verdú; Kevin Presa, Álex Fernández (Pedro García, minuto 68); Jandrín (Queijeiro, minuto 77), Pablo Carnero (Anxo, minuto 56), Mouriño; e Borjas.

CD IZARRA (1): Aitor Navarro; Aritz, Cabrera, Briñol (Lizarraga, minuto 39), Álex Cacho; Ziganda, Yoel; Íñigo García (Eneko, minuto 65), Galán (Iván Garrido, minuto 70), Julen; e Pito.

Árbitro: Eduardo Rodríguez García (Asturias), auxiliado nas bandas por Raúl Martínez Nosti e Andrés Díaz Fonseca. Amoestou a Pablo Carnero e Bruno, polo Pontevedra, e a Íñigo García, Pito, Galán e Cabrera, polo Izarra.

Goles: (1-0) Minuto 12: Borjas, de penalti. (1-1) Minuto 18: Briñol. (2-1) Minuto 31: Pablo Carnero. (3-1) Minuto 40: Pablo Carnero.

Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 3.000 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas dos brutais atentados terroristas de París.