Antonio Fernández promete "traballo e dedicación" na súa presentación co Pontevedra: "Vir aquí é un orgullo"

Pontevedra
06 de xullo 2022

O técnico, polo que se acordou "un traspaso sen custo" co San Roque de Lepe segundo explicou o director deportivo granate Toni Otero, "formaba parte das tres ou catro opcións que se manexaban" para o banco de Pasarón tras a saída de Ángel Rodríguez

Antonio Fernández e Lupe Murillo, na presentación do adestrador no Estadio Municipal de Pasarón Mónica Patxot

Día un de Antonio Fernández Rivadulla como adestrador do Pontevedra Club de Fútbol. O técnico, con pasado no club granate como xogador e moi vinculado a el a nivel persoal, foi presentado este mércores como responsable do primeiro plantel para a súa estrea na Primeira RFEF.

"O único que podo prometer é traballo, dedicación e tentar que o bo facer de todos nos chegue a facer cumprir os obxectivos", explicou Fernández nada máis comezar a súa comparecencia ante os medios de comunicación.

"Veño dun sitio no que estaba moi a gusto, pero cando se plantexou a opción de poder vir ao Pontevedra vir non había moito que pensar", asegurou agradecendo o trato recibido prol o seu último club, o San Roque de Lepe. A este respecto o director deportivo do club, Toni Otero, confirmou que se negociou co cadro andaluz "un traspaso sen custo", grazas en gran medida á boa disposición do San Roque.

Iso fixo que a fichaxe de Antonio Fernández se pechase con relativa rapidez. "As conversacións foron fáciles e rápidas", revelou o director deportivo sobre unha negociación iniciada hai unha semana, sendo o galego "parte das tres ou catro opcións que se manexaban" tras a saída de Ángel Rodríguez rumbo ao Hércules.

Antonio Fernández: "Sei a que equipo veño, sei a esixencia do club, e é unha tempada que se presenta apaixonante á vez que moi complicada"

En canto ao novo preparador, coñecedor do club, defendeu que "o Pontevedra en si mesmo é grande e vir aquí é un orgullo", aínda que sen querer poñerse máis obxectivos que o "ir semana a semana". Iso sempre "cunha responsabilidade moi grande, porque sei a que equipo veño, sei a esixencia do club, e é unha tempada que se presenta apaixonante á vez que moi complicada con grandes equipos na categoría".

Despois de tres campañas en San Roque, e pasos previos como adestrador por Vilalonga e Alondras, Antonio Fernández estrearase tamén na Primeira RFEF cun proxecto que, asegura, "ten que ser continuista" porque "as potencialidades que ten o equipo son moi grandes", aínda que pretende outorgar o seu propio toque ao equipo. "Darei os meus matices pero desde unha liña continuísta".

Antonio comprométese polo Pontevedra por unha sóla tempada. Espera que poidan ser moito máis pero "un adestrador vive dos resultados", por iso a súa única promesa é empregarse a fondo desde o primeiro día dunha pretempada que iniciarase oficialmente o día 18 de xullo.