Contra un rival directo pola permanencia e contra a fatiga polo esforzo realizado na Copa do Rei, con prórroga incluída. Así afronta o Pontevedra Club de Fútbol a visita este sábado ao Estadio Municipal de Pasarón (19.00 horas) do Club Deportivo Badajoz, equipo que marca a zona de salvación cun punto máis que os granates.
"É un día importante porque queremos escalar posicións na táboa", sinalou o preparador pontevedrés, Antonio Fernández, convencido de que "ás veces a cabeza pode máis que as pernas, e agora mesmo creo que o factor anímico vai ser fundamental para soportar o cansazo".
En todo caso o técnico recoñeceu que contra o Mallorca "xa preparamos a aliñación coa idea de dar menos minutos a xogadores que podamos utilizar mañá".
Nese sentido, ademais dos homes de refresco que entraron na segunda metade como Brais Abelenda, Charles e Rufo, Antonio recupera para a cita outras bazas como Yelko Pino, sancionado na Copa, ou a Borja Domínguez, gañando opcións na medular.
Ademais tras os últimos resultados en liga e Copa "creo que estamos nun dos mellores momentos da tempada e temos que aproveitalo", defendeu Fernández.
No que respecta ao próximo rival en liga "non sei institucionalmente como estará, pero están a vendernos un equipo que se cadra é un lobo con pel de cordeiro. O que teñen independentemente do número de xogadores que teñan son xogadores super contrastados para a categoría, agora mesmo é un equipo que está nunha fase complicada seguramente, pero temos que tentar ser mellores que eles", analizou.
AUSENCIA DE GUÈYE
Preguntado respecto diso da ausencia desde a volta aos adestramentos tras o parón do Nadal de Libasse Guèye, Antonio Fernández mostrouse tallante asegurando que "só falo da xente que está connosco. Libasse non está connosco, non vou perder tempo en se está ou non, teño que sacar rendemento aos que teño. Se estivese sería utlizable pero como non está non podemos ensar que pasaría se estivese".