O Pontevedra Club de Fútbol respira con certo alivio tras coñecer este mércores a última resolución da Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte.
Entre as decisións de Antiviolencia figura unha proposta de sanción de 100 euros ao club granate debido á exhibición dunha bengala no Fondo Norte do Estadio Municipal de Pasarón durante o partido da pasada fin de semana fronte á Gimnástica Segoviana.
Esta circunstancia apareceu reflectida na acta arbitral, ao sinalar o colexiado que "no minuto 89, na bancada na que se atopaban os afeccionados do conxunto local, identificados como tal polas camisetas e os cánticos, acenderon unha bengala sen que chegase a afectar ao desenvolvemento do partido".
Debido a iso, e tendo en conta anteriores resolucións de Antiviolencia, no club granate temían recibir un castigo de consideración, como a que afectou ao Mérida recibindo unha proposta de sanción de 15.000 euros tras a exhibición de bengalas por parte dos seus seguidores nun adestramento do primeiro equipo a principios de tempada.
Ademais en 2020 a Comisión instou os clubs e aos afeccionados a non permitir o uso de bengalas ou artefactos pirotécnicos en recintos deportivos lembrando "as graves consecuencias que o fume, as altas temperaturas e as potenciais explosións destes artefactos poden causar danos na vida e saúde dos asistentes".
Por todo iso a resolución foi encaixada de bo grado nas oficinas de Pasarón, aínda que preocupados por ter que pasar por unha situación así e confiando en que non se repita.