Antía Jácome, insaciable: "Teño mundial en setembro, a loitar por unha medallita"

Pontevedra
14 de agosto 2021

A piragüista do Ciudad de Pontevedra non se conforma con facer historia na súa primeira participación nuns Xogos Olímpicos cun quinto posto na final do  C1-200. Quere seguir ampliando o seu  palmarés e selar canto antes a súa clasificación para París 2024

Antía Jácome, nos Xogos Olímpicos de Tokyo Comité Olímpico Español

Ten só 21 anos e acaba de facer historia ao conseguir un quinto posto na súa primeira participación nuns Xogos Olímpicos, pero Antía Jácome non se conforma. A padeeira do Ciudad de Pontevedra aínda non asimilou por completo a fazaña lograda, que non foi aínda maior por escasas dúas décimas, pero non pensa nin un só segundo en gozar do éxito e tomarse un merecido descanso.

"Teño mundial en setembro", comentou a PontevedraViva despois de ser homenaxeada pola Deputación. E non pensa ir a Dinamarca de paseo. "Estou con moitísimas ganas e a por unha medallita", espetou con naturalidade.

Os recordos da súa primeira experiencia olímpica están aínda moi recentes e a piragüista é incapaz de facer memoria e non esbozar un sorriso. "Cando terminei a regata non mo podía nin crer, mirei para os lados e non sabía nin como entrara", revive. Segundos despois puido comprobar que acabou quinta "pero para nada foi unha decepción senón que foi como dicir: son os meus primeiros Xogos, acabo de conseguir un quinto posto. Cumprín un soño e con fartura".

O camiño a Tokio estivo infestado de obstáculos. Foi a última española en conseguir un billete despois de superar nun impoñente man a man á súa rival e amiga María Corbera."Este ano pasei por moitas preparacións. O primeiro selectivo, a copa do mudno, un segundo selectivo... Foi bastante duro, pero aprendo de cada competición que fago e creo que iso me fai ter máis experiencia e vénme ben", asume a pontevedresa. 

Xa na capital nipoa, as primeiras semanas foron de aclimatación e toma de contacto co lugar de competición. Logo metéronse de cheo nunha vila olímpica na que viviu unha experiencia inesquecible. "Foi increible, me encataría seguir estando alá por poder compartir a vila olímpica cos máis grandes de España e do mundo... Coincidín con Pau e Marc Gasol. Foi increible estar a comer á beira deles nunha mesa. Eu son unha persoa que acaba de empezar, se chego a velo de pequena, loitaría só por poder vivir esta experiencia porque é única", confesa con humildade.

Das grandes figuras do deporte nacional non recibiu consellos, senón o apoio sincero dun compañeiro. "Vennos como iguais, interésanse por tí, pregúntanche como foi a regata, cando compites... Está moi guay porque interactúas moito con deportistas de moitos sitios e coñeces a xente coa que nunca pensaches que ías poder intercambiar dúas palabras. Son persoas incribles, tíñaas nun altar e sígoas tendo, pero son moi próximas. Non son nin chulitos nin nada, son persoas que merece a pena coñecer", asegura Jácome. 

Pero o seu diario de experiencia emocionantes ten aínda moitas páxinas en branco. Unha delas escribiuna ao poñer o pé en España e saír pola porta do aeroporto de Peinador. Alí esperaba a súa familia e os seus compañeiros de club. "Chorei bastante, non espraba tanta xente e que fose así, foi moi especial", agradece aínda emocionada.

Para o próximo recibimento xa queda menos porque Antía ten entre cella e cella estar na cita olímpica de París. E promete non ir soa. "Estou a desexar competir con Antía Otero e poder compartir con ela esa experiencia". Tokio escapóuselle polos pelos, pero máis maduras e coa bagaxe adquirida neste 2021 histórico, conseguirano.