Antía Jácome, Carolina García e Sergio Vallejo, protagonistas da segunda xornada do selectivo nacional en Verducido

Pontevedra
16 de maio 2019

Segunda xornada de control selectivo nas instalacións de Pontillón do Castro e segundo día de éxito para o piragüismo pontevedrés, logrando Antía Jácome, Carolina Otero e Sergio Vallejo a clasificación para as próximas competicións internacionais

Sergio Vallejo (dereita) no control selectivo nacional en Verducido Federación Galega Piragüismo

Segunda xornada de control selectivo para o piragüismo nacional nas instalacións do encoro de Pontillón  do Castro, en Verducido, e segundo día de éxito para os deportistas locais.

Este xoves era a quenda dos barcos individuais, e non puido ir mellor a competición para o piragüismo pontevedrés.

Iniciouse o día a proba de canoa C-1 200 metros en idade sub-23, na que se impuxo Antía Jácome (EP Ciudad de Pontevedra) con case un segundo de vantaxe sobre María  Corbera, mentres que Patricia Coco sería terceira. Desta forma lograba o seu segundo billete para a Copa do Mundo de Duisburg, tras o conseguido o mércores no C-2 500 metros.

A testemuña tomouno uns minutos despois Sergio Vallejo (Piragüismo Poio Pescamar) en categoría sénior para conseguir tamén o seu particular dobrete. Se o primeiro día de selectivo lograba a clasificación no C-2 1.000 metros xunto a Adrián Sieiro, esta vez repetía na proba individual e sobre a mesma distancia tras unha carreira moi táctica na que controlou aos seus rivais ata impoñerse nos últimos 200 metros.

A última proba da mañá tería tamén protagonista pontevedresa con Carolina García (Ciudad de Pontevedra), que vencía no kaiak individual sub-23 sobre 500 metros facendo valer a súa condición de favorita e repetindo o seu triunfo de 200 metros que lle leva directa ao Campionato do Mundo da categoría que se celebrará en Pitesti (Romanía).

Ademais disputouse a final masculina de K-1 1.000 metros en categoría xuvenil, na que Miguel Paz (Piragüismo Verducido) foi oitavo.