Antía Chamosa e un dobrete que confirma o seu paso á fronte cara á elite mundial: "Estou contentísima"

Pontevedra
31 de marzo 2025
Actualizado: 12:13

A pontevedresa non só venceu con autoridade no Nacional de 20 km marcha, senón que o fixo coa mellor marca europea e quinta mundial do ano, e con mínima para o Campionato do Mundo de Tokyo

Antía Chamosa (33), no Campionato de España Marcha en Ruta en Marín
Antía Chamosa (33), no Campionato de España Marcha en Ruta en Marín Cristina Saiz

A tempada atlética de 2025, recentemente iniciada a competición ao aire libre, está a ser a da confirmación na elite de Antía Chamosa.

Se o seu bo facer xa a levou a ser parte do equipo olímpico español en París 2024, como reserva, a pontevedresa deu un novo salto de calidade para derrubar as poucas barreiras que lle faltaban.

Demostrouno a principios de marzo en Marín gañando o ouro no Campionato de España de 35 Quilómetros Marcha, e confirmouno este domingo 30 de marzo na distancia olímpica, ao gañar o seu primeiro ouro absoluto no Campionato de España de 20 Quilómetros Marcha.

Pero é que ademais a súa marca di moitas cousas do momento de forma que atravesa Antía.

No Nacional disputado na localidade murciana de San Pedro del Pinatar, Chamosa parou o cronómetro 1 hora, 27 minutos e 55, pulverizando a súa anterior plusmarca persoal.

Este tempo non só supón fixar unha nova marca galega absoluto da distancia, senón que é a quinta mellor marca española da historia, a quinta mellor marca mundial do ano e colócaa como líder europea da tempada.Ademais é inferior á marca esixida pola World Athletics para o Mundial do Tokio 2025, e aínda por riba o triunfo outórgalle a preselección directa para a próxima Copa de Europa de Marcha por equipos.

"Estou contentísima. Sobre todo esa marca, que non me esperaba. Non sabía como me ía a atopar despois dos 35 quilómetros, e moi contenta por baixar desa barreira de 1 hora 28", explicou tras a carreira en declaracións difundidas pola Real Federación Española de Atletismo.

Antía garante así estar nas grandes competicións internacionais da tempada na proba máis importante da marcha atlética.

A iso súmalle que en Marín o seu rexistro nos 35 quilómetros (2:44.50) tamén supuxo unha nova marca autonómica e mínima mundialista como cuarta mellor marca española da historia.

Uns tempos que reforzan o traballo de preparación que levou a cabo a pontevedresa durante o inverno, e que fan ver que o seu teito competitivo aínda está por chegar.