Ánimos renovados no Teucro co inicio dunha nova tempada

Pontevedra
02 de agosto 2023

O equipo pontevedrés iniciou este martes a pretempada co seu primeiro adestramento no Pavillón Municipal dos Deportes. O vicedecano, que competirá por segundo ano consecutivo en Primeira Nacional, aspira a dar un paso á fronte para pelexar polos postos de honra da categoría

Primeiro adestramento do Teucro 23-24 no Pavillón Municipal Sociedad Deportiva Teucro

Acabaron as vacacións para a Sociedad Deportiva Teucro.

O primeiro equipo do club pontevedrés regresou este martes ao traballo co seu primeiro adestramento de pretempada.

Estaban citados 21 xogadores, entre os que se atopaban as catro fichaxes estivais e coas que a entidade quere dar un salto de calidade: Eloy Krook, Javi Santana, Andrés Pérez e Daniel Vicente Pintus.

O Teucro competirá por segundo ano consecutivo na Primeira Nacional, terceira categoría do balonmán, co obxectivo de aumentar o seu nivel do pasado curso e pelexar polos postos de honra da liga.

Comeza desta forma unha fase de preparación para o conxunto adestrado un ano máis por Irene Vilaboa que concluirá na primeira xornada do campionato, prevista para o 17 de setembro con visita á pista do Culleredo.