Ánimos a Juan Saavedra ante o reto dos Xogos Paralímpicos

Pontevedra
21 de xullo 2021

O tirador pontevedrés, que afronta a recta final da súa preparación para os Xogos Paralímpicos de Tokyo, foi recibido este martes polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e o edil de Deportes, Tino Fernández

Recepción municipal ao tirador Juan Saavedra antes de acudir aos Xogos Paralímpicos Cristina Saiz

Foi unha longa espera, pero no horizonte aparecen ao final os Xogos Paralímpicos para Juan Saavedra.

O tirador pontevedrés foi o primeiro deportista español en certificar o seu billete para a cita xaponesa, alá por setembro de 2018, e suspensión mediante case tres anos despois afronta a recta final da súa preparación coa ambición de pelexar pola que sería a súa segunda medalla.

Saavedra conta no seu palmarés cunha medalla de prata en Londres 2012 e diplomas olímpicos en Atenas 2004 (4º) e Sidney 2000 (8º), moita experiencia ás súas costas que confía en poder aproveitar nuns Xogos Paralímpicos que se disputarán entre o 24 de agosto e o 5 de setembro.

Antes de afrontar o desafío o deportista da Boa Vila recibiu os ánimos da cidade cunha recepción oficial no Concello de man do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e do edil de Deportes, Tino Fernández.

Ademais do recibimento, Juan Saavedra asinou un acordo de patrocinio e promoción de Pontevedra por representar á Boa Vila, do mesmo xeito que outros deportistas da cidade que estarán na cita olímpica como Javier Gómez Noya, Antía Jácome e Teresa Portela.