Ángela Balado queda a un paso das medallas no Europeo Cadete de Taekwondo

Marín
08 de novembro 2024
Actualizado: 18:40

A deportista do Mat's de Marín caeu nos cuartos de final da competición continental que se está a celebrar en Tirana (Albania)

Ángela Balado, rumbo ao Europeo Cadete de Taekwondo Federación Galega de Taekwondo

A un triunfo das medallas quedou Ángela Balado no Campionato de Europa Cadete.

A deportista do Mat's de Marín acudía ao Europeo Cadete de Taekwondo que se está a celebrar en Tirana (Albania) como unha dos seis deportistas galegos incluídos no equipo español.

Ángela participou na categoría de +59 quilos.

No seu primeiro combate superou a bosníaca Lamija Dedic, mentres que en oitavos fixo o propio coa ucraína Yevheniia Hladun.

Así se plantou nos cuartos de final, nos que esperaba a itialiana Elisa Martina, sexta favorita do cadro.

Unha vitoria daba como mínimo o bronce á marinense, pero a súa rival italiana foi superior vencendo en dous asaltos de maneira contundente.

Malia a derrota a deportista do Mat's sumou en Albania unha valiosa experiencia internacional.

O resto de galegos na competición eran Dafne Piñeiro (-55 quilogramos, Natural Sport), Thiago Segade (-53, Natural Sport), Dani Abeijón (-37 quilogramos, Natural Sport), Alberto de la Iglesia (-49, Natural Sport) e Antón Quintero (+65, Kwon Betanzos).