Ángel Rodríguez, mellor adestrador do grupo I de Segunda Federación polo seu ascenso co Pontevedra

Pontevedra
23 de marzo 2023

O técnico leonés recolleu este xoves na sede da RFEF, en Las Rozas, o premio José Cobo que premia aos mellores adestradores de cada unha das categorías e grupos nacionais do fútbol español

Ángel Rodríguez recibe o premio José Cobo como mellor adestrador do grupo I de Segunda Federación co Pontevedra RFEF

Día de recoñecementos para os adestradores e adestradoras de fútbol con motivo da celebración da IX edición dos premios Ramón Cobo. Galardóns que serven para recoñecer os éxitos deportivos, así como a defensa de valores como o bo comportamento, o respecto e o espírito de deportividade. Entre os trece agasallados atopábase Ángel Rodríguez, que recibiu o premio polo seu labor á fronte do Pontevedra na tempada 2021/2022 no grupo I de Segunda Federación.

O técnico leonés foi recoñecido como o mellor adestrador da tempada no grupo I de Segunda Federación. Nesa tempada, o equipo granate acabou gañando a liga despois dun longo man a man co Unión Adarve ao que, despois dun mal inicio de liga, o Pontevedra foi recortando distancias aos poucos para deixar case pechado o ascenso directo na penúltima xornada de liga, algo que certificaron na última nunha festa en Palencia na que granates e morados festexaron xuntos o ascenso dos primeiros e a clasificación para o playoff dos segundos.

"Agradezo á RFEF o recoñecemento polo premio Ramón Cobo a mellor adestrador do Grupo I da Segunda RFEF. Isto non tería sido posible sen a implicación de cada unha das persoas que compoñen o Pontevedra CF SAD e en especial a cada un dos meus xogadores", agradeceu o preparador a través das súas redes sociais.

O resto de premiados son:

Primera División                              Carlo Ancelotti (Real Madrid)

Segunda División                            José Rojo 'Pacheta' (Real Valladolid CF)

Primera Federación G-I                  Guillermo Fernández (Racing Club)

Primera Federación G-II                 Miguel Álvarez (Villarreal CF B)

Segunda Federación G-I                Ángel Rodríguez (Pontevedra)

Segunda Federación G-II               Santi Castillejo (CA Osasuna B)

Segunda Federación G-III              Diego Martínez (CD Numancia)

Segunda Federación G-IV              Germán Crespo (Córdoba CF?

Segunda Federación G-V               Gustavo Siviero (CF Intercity)

Primera División Femenina            Jonatan Giráldez (FC Barcelona)

1ª Federación Futsal Masculina     Jesús Velasco (FC Barcelona)

2ª Federación Futsal Masculina     'Tete' (UMA Antequera FS)

1ª Federación Futsal Femenina      Andrés Sanz (Atlético Navalcarnero)