A fichaxe de Ángel Rodríguez polo Hércules de Alicante levantou gran balbordo na contorna do Pontevedra Club de Fútbol. Non polo feito de que a súa marcha non fose unha das posibilidades, ao finalizar contrato, senón pola forma na que finalmente se produciu.
Tras semanas de espera o técnico, un dos responsables do ascenso do equipo a Primeira RFEF, atopábase agora si negociando a súa renovación coa entidade granate.
É por iso que a confirmación da súa marcha, anunciada xa entrada a noite do martes polo Hércules e comunicada pouco antes á entidade de Pasarón mediante unha chamada ao director deportivo, Toni Otero, causou certa sorpresa aínda que poida parecer a 'crónica dunha morte anunciada', citando á obra literaria de Gabriel García Márquez.
Tras certificar o seu ascenso, o Pontevedra tomouse un período de reflexión antes de decidir o camiño para seguir co adestrador. Este tempo prolongouse case tres semanas ata iniciarse os contactos para tentear a continuidade do preparador leonés, ou polo menos a súa disposición para seguir. Durante esta fase chegouse a ver a Ángel Rodríguez fóra por completo do Pontevedra e tamén moi preto de renovar.
Precisamente agora era cando parecía máis canalizada a relación, polo que esa negociación se mantiña aberta. De feito o Pontevedra presentou unha última proposta o pasado venres que, segundo fontes próximas á negociación, non chegou a ter contestación ata a chamada confirmado o compromiso adquirido co Hércules.
Así termina, de maneira abrupta, a relación Ángel Rodríguez-Pontevedra despois de só unha tempada, co bo sabor de boca que deixou o ascenso de categoría pero coas sombras que pesaron sobre unha certa falta de 'feeling' cos máximos dirixentes da entidade, unha confianza que finalmente rompeu por completo.