Ana Carbón, segunda peza confirmada para o proxecto do Bádminton Pontevedra na División de Honra

Pontevedra
01 de xuño 2020

A xogadora estradense, clave nos dous ascensos do club pontevedrés, seguirá defendendo as cores do Ravachol na súa tempada de debut na máxima categoría

Ana Carbón, xogadora do Bádminton Pontevedra Club Bádminton Ravachol Pontevedra

O primeiro proxecto doClub Bádminton Ravachol Pontevedra na División de Honra empeza a tomar forma, asegurándose primeiro a continuidade das súas pezas clave nas últimas campañas.

O capitán Alejandro Nogueira foi o primeiro en renovar cos pontevedreses, camiño que seguiu agora Ana Carbón.

A xogadora estradense, que contaba con varias propostas para cambiar de aires, apostou por seguir no club co que foi importante nos últimos anos ascendendo a Primeira Nacional e despois á máxima categoría do bádminton nacional.

Os seus números na últimas campaña demostran a importancia que tivo dentro do equipo, con 60 partidos disputados en tres tempadas e un sobresaliente balance de 53 vitorias.

Carbón sinalou tras comunicarse a renovación estar "agradecida e moi contenta de seguir no equipo" e "con moitas ganas de afrontar o novo reto de División de Honra".

Pola súa banda o director deportivo do Bádminton Pontevedra, Jesús Pereiro , recoñeceu que "non nos poderiamos permitir o non contar con Ana nun proxecto destas dimensións".

O Ravachol fixo pública a renovación cun curioso vídeo compartido a través das súas redes sociais.

Segundo sinalou o club pontevedrés nas próximas semanas espera pechar a continuidade dos deportistas que conseguiron o ascenso a División de Honra, xa que a súa idea pasa por tentar manter o núcleo do equipo completando o mesmo con algunha incorporación final.