Ana Carbón, entre as favoritas para gañar o Campionato Galego Absoluto de Bádminton

Pontevedra
28 de marzo 2018

Pontevedra converterase na sede da nova edición do Campionato Galego Absoluto de Bádminton o vindeiro sábado 31 de marzo, tan só dous anos despois da creación do seu primeiro club profesional deste deporte, o Club Bádminton Ravachol.

Presentación do Campionato Galego Absoluto de Bádminton
Presentación do Campionato Galego Absoluto de Bádminton / Gabriela Varela Asorey

Uns días despois da celebración no Centro Deportivo Rías do Sur da fase final da Europa Cup Feminina de Waterpolo e o Campionato de España Infantil de Natación, Pontevedra volve converterse na sede dunha competición deportiva da man do Campionato Galego Absoluto de Bádminton.

Entre os favoritos para alzarse co título nas diferentes categorías atópanse Manuel Brea, o número 1 do ránking nacional de bádminton, ou a xogadora do Club Ravachol de Pontevedra, Ana Carbón.

A presentación do campionato tiña lugar no Concello de Pontevedra da man da concelleira de deportes Anxos Riveiro e o vicepresidente da Federación Galega de Bádminton, Juan Fernández xunto a Ana Carbón e Jesús Pereiro, membros do club pontevedrés Ravachol. O torneo disputarase o sábado 21 de marzo no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, onde haberá partidos individuais e dobres desde as 10:00 horas. A entrada será gratuita.

O bádminton en Pontevedra atópase á alza grazas ao Club Bádminton Ravachol, que contando con tan só dous anos de idade xa logrou coarse na primeira división nacional neste deporte e é candidato a acceder a división de honra a próxima tempada, segundo comentaba Fernández. A celebración da fase de ascenso obrigou a atrasar este campionato unha semana.

Actualmente hai 50 xogadores inscritos na competición, un número reducido especialmente debido ás datas en que se celebra, coincidindo coa Semana Santa. Con todo, a organización é optimista en canto á asistencia ao evento e vaticina gran cantidade de desprazamentos á cidade, o que impactaría positivamente no número de visitantes a Pontevedra durante a fin de semana.