Amegrove e Mecos naufragan na casa, Samertolameu e Cabo da Cruz, máis líderes da Liga Galega de Traíñas

O Salnés
15 de xullo 2013

Non foi unha boa fin de semana para as dúas embarcacións do Grove na Liga Galega de Traíñas. Nin Amegrove nin Mecos amosaron un bo rendemento. No caso da primeira os malos resultados destas dúas regatas afástana dos postos de ascenso á Liga San Miguel ACT. Están xa moi lonxe de Samertolameu e Cabo da Cruz, que volveron repartir os triunfos nas probas do sábado e do domingo

Non foi unha boa fin de semana para as dúas embarcacións do Grove na Liga Galega de Traíñas. A pesar de que competían na casa, nin Amegrove nin Mecos amosaron un bo rendemento. No caso da primeira os malos resultados destas dúas regatas afástana dos postos de ascenso á Liga San Miguel ACT. Están xa moi lonxe dos líderes Samertolameu e Cabo da Cruz, que volveron repartir os triunfos nas probas do sábado e do domingo.

A XXX Bandeira Concello do Grove-Viabustravel, cuarta proba do calendario galego, viviu un novo triunfo de Samertolameu de Meira, o segundo da temporada. Cabo da Cruz viña de gañar en Chapela por centésimas a Samertolameu, que fora penalizada con tres segundos. En O Grove, os remeiros moañeses resarcíronse e demostraron que son os máximos favoritos para loitar polo ascenso a Liga San Miguel ACT.

Foi unha proba moi emocionante. Ata o segundo longo, tan só dous segundos separaban a Samertolameu, Cabo da Cruz e Chapela. Pero a partir de aí, os de Moaña subiron o ritmo de padexada e distanciouse dos seus perseguidores. No último longo non houbo cambios nin sorpresas: Samertolameu foi primeiro (19.14.90), Cabo da Cruz (19.19.39) segundo e Chapela (19.28.36) terceiro. Amegrove cruzou a liña de meta cun tempo de 19.44.11.

Os do Grove foron máis lentos incluso que dúas embarcacións da primeira quenda, Mugardos (19.33) e Vilaxoan (19.42). Nesta tanda, Mecos fixo unha mala manobra na segunda virada e perdeu todas as súas opcións de loitar con A Cabana e Vilaxoan polo segundo posto da quenda. Os arousáns foron de menos a máis e no último longo sacáronlle tres segundos a A Cabana para ser segundos e quintos na xeral.

CABO DA CRUZ TRIUNFA EN CHAPELA

Xa o sábado, foi Cabo da Cruz quen se impuxo na I Bandeira Chapela-Concello de Redondela. A primeira embarcación que atravesou a liña de meta na quenda de honra foi Samertolameu, pero unha sanción de tres segundos que os de Meira arrastraban do quecemento, deulle o triunfo aos boirenses por 37 centésimas.

Samertolameu saiu enrabietada tras coñecer a sanción de tres segundos previa á darse a saída e no primeiro longo superou en seis segundos a Chapela, Cabo da Cruz e Amegrove. Os locais e os de Boiro continuaron á par mantendo a distancia ata o último parcial, no que os remeiros da embarcación vermella voltaron a exprimir a súa estratexia de ir de menos a máis e entraron na meta a menos de tres segundos de Samertolameu.

Chapela fíxoo a sete segundos, mentres que Amegrove (sancionada con cinco segundos por unha saída nula) descolgouse e mesmo foi superada na clasificación final por Mugardos, que venceu con autoridade na primeira quenda por diante de A Cabana, de Mecos-Mondariz e de Vilaxoán, que non tivo o seu mellor día.

Na táboa xeral, Samertolameu e Cabo da Cruz son líderes con 30 puntos cada un. Terceiro é o Chapela, que tras os dous terceiros postos desta fin de semana, suma 22 puntos, tres máis que Amegrove que con 19 sitúase na cuarta posición. Pola parte baixa da clasificación, Vilaxoan ten 11 puntos, A Cabana 8 e Mecos é o pechacancelas con 6 puntos.