Álvaro Preciado dá continuidade ás renovacións no Cisne

Pontevedra
19 de xuño 2019

O lateral pontevedrés, internacional júnior, seguirá polo menos un ano máis no primeiro equipo cineísta, co que está chamado a seguir gañando protagonismo na División de Honra Prata

Álvaro Preciado no partido do Cisne ante o Villa de Aranda Diego Torrado

O Club Cisne dá continuidade ás renovacións no primeiro plantel asegurando a continuidade dun home da casa, unha das novas promesas chamadas a gañar protagonismo no equipo da División de Honra Prata.

Trátase de Álvaro Preciado, que seguirá polo menos unha tempada máis defendendo as cores do club cineísta na segunda categoría do balonmán nacional.

O lateral esquerdo pontevedrés, internacional en categoría júnior, recoñeceu tras o acordo que "desde un primeiro momento a única opción que barallaba era continuar no equipo e por iso estou moi feliz".

Coa confirmación, Jabato empeza a debuxar o plantel que terá á súa disposición pensando no próximo curso.

Polo momento, ademais do propio Álvaro Preciado, renovaron Javi Vázquez, Daniel Ramos, Pablo Gayoso, Álex Chan, Alejandro Conde e Andrés Sánchez, mentres que se sumaron ao proxecto como fichaxes David Chapela e Iván Calvo.