Álvaro Bustos, fichaxe ao límite do prazo

Pontevedra
31 de xaneiro 2019

O Pontevedra Club de Fútbol fíxose cos servizos do extremo asturiano Álvaro Bustos, nunha operación a tres bandas con Rayo Majadahonda e Mallorca que se pechou apurando ao máximo o prazo de fichaxes que pechaba ás 18:00 horas deste xoves

Álvaro Bustos durante a súa estapa no Nàstic de Tarragona Club Gimnàstic de Tarragona

Sobre a bucina. O Pontevedra Club de Fútbol apurou ao máximo o prazo do mercado de fichaxes invernal, que pechaba ás 18:00 horas deste xoves.

O club granate fíxose coa cesión de Álvaro Bustos nunha operación a tres bandas que non se pechou ata o límite da hora, converténdose desta forma no segundo reforzo do equipo tras a chegada de Borja Domínguez.

Bustos, extremo asturiano de 23 anos, estaba a préstamo no Rayo Majadahonda da Segunda División, pero non contara con oportunidades na primeira volta da competición. Así, tras recibir propostas de varios equipos de Segunda B, terminou convencéndolle a opción do Pontevedra, que tivo que dirixirse ao seu club de orixe, o RCD Mallorca, para pechar a cesión.

O novo reforzo é un futbolista de banda, zurdo, pero que pode xogar a pé cambiado e que acumulou na súa carreira unha trintena de partidos na división de prata nacional entre Mirandés e Nàstic de Tarragona antes de recalar no Mallorca na Segunda B, logrando o ascenso a final da tempada pasada.

O que non se concretou finalmente é a chegada dun central, outra das opcións que barallaba a dirección deportiva no período de fichaxes, nin tampouco saídas máis aló da coñecida de Mouriño ao Rápido de Bouzas.