O futbolista internacional Álvaro Arbeloa, ex-xogador entre outros equipos de Real Madrid ou Deportivo, é o novo propietario dunha das bicicletas de competición de Javi Gómez Noya.
Concretamente trátase dunha bicicleta Specialized S-Works Venge coa que o pentacampión mundial de tríatlon gañou o seu último título e que cedeu para a súa poxa ao Tríatlon Ferrol, coa intención de colaborar no financiamento das súas categorías inferiores.
A poxa, celebrada no portal eBay, iniciouse cun prezo de saída de 3.000 euros e finalizou cunha oferta máxima de 5.920 euros.
O propio Álvaro Arbeloa foi quen confirmou a adquisición a través do seu perfil de Twitter, asegurando que a bicicleta "estará a buen recaudo".