Alfonso Ventín, gran dominador da sexta edición do RallyMix Cuntis Vila Termal

Umia
24 de setembro 2023

O RallyMix Cuntis Vila Termal celebrou esta fin de semana unha sexta edición na que se impuxo Alfonso Ventín, un dos favoritos para facerse co triunfo. A segunda posición foi para o incombustible Javier Ramilo e a terceira para Sergio Fernández  

VI edición do RallyMix de Cuntis Vila Termal Cristina Saiz

O RallyMix Cuntis Vila Termal celebrou esta fin de semana unha sexta edición na que se impuxo Alfonso Ventín, un dos favoritos para facerse co triunfo. A segunda posición foi para o incombustible Javier Ramilo e a terceira para Sergio Fernández.

A competición arrincou o sábado ás 11:30 horas coa primeira manga, que dominou o de Cotobade (Yacarcross) cun tempo de 10:09.435. Por detrás del, Ramilo (Yacarcross) asinou un segundo posto con case seis segundos por detrás, e Fernández (Speedcar Xtreem) foi terceiro a máis de dez segundos.

O podio da segunda carreira foi o mesmo que na anterior: Ventín foi o máis rápido cun tempo de 10:15.164, Ramilo chegou segundo a case tres segundos e Fernández completou os postos de podio a máis de catro.

Na terceira e última manga do sábado todo cambiou. Alfonso Ventín baixou o ritmo e foi superado por Javier e Sergio, primeiro e segundo respectivamente. Ramilo percorreu os case 14 quilómetros en 10:15.282, o segundo parou o cronómetro a +5.800 e o terceiro a +7.776.

Os tres primeiros postos da clasificación xeral non variaron ao finalizar o día. Ventín mantívose líder da xeral, pero seguido moi de preto por Ramilo, que reduciu diferenzas para colocarse a tan só un segundo del a falta das probas do domingo, e por Sergio Fernández, a máis de 12 segundos.

O RallyMix puxo o broche de ouro este domingo coas dúas últimas carreiras cronometradas. Na primeira delas, celebrada desde ben cedo, Abel Jurado asinou o mellor tempo (10:28.537), seguido de Alfonso Ventín a máis de 11 segundos e de Manuel Osorio a case 13. Mentres tanto, Javier Ramilo era décimo tras parar o cronómetro a máis de 36 segundos, e Sergio Fernández era 23 a máis dun minuto do primeiro.

O podio da xeral mantívose igual, pero os malos resultados de Ramilo e Fernández permitiron a Ventín ampliar a súa vantaxe para chegar á última manga cunha ampla renda de 26 segundos.

E continuou Alfonso impoñendo o seu ritmo para volver ser o máis rápido da manga e da sexta edición do RallyMix de Cuntis. Ventín fixo un tempo total de 51:51.110; Javier Ramilo, outro dos favoritos, fíxose coa segunda posición a +27.208; e Sergio Fernández completou o podio a +1:11.562.

Dentro da Clase B, primeiro triunfo da tempada para Francisco Dorado e Andrea Lamas, que amosaron a súa evolución na especialidade.

Dorado e Lamas loitaron durante toda a fin de semana con Manuel Osorio e Alberto dos Reis, que remataron fora da competición por unha saída. Desta forma, o segundo chanzo do podio foi para Diego Vila e Álex Sampayo, a 1:19 minutos e o terceiro para Jaime Pérez e Gonzalo Cardalda, a 1:46.

Dentro da Copa Pirelli K6, primeira posición para Omar López e Álvaro Cerqueiras, con Luis Caridad e Iván Bergondo, segundos, e Miguel Ángel Caeiro e Alejandro Hermida, na terceira plaza.

A seguinte proba puntuable para o Campionato Galego de Rallymix será en Barbadás a última fin de semana do mes de outubro. A cita ourensá será o epílogo da tempada de rallymix galego en 2023.