Alexander White leva en Poio unha emotiva primeira etapa da Volta Galicia con homenaxe a Magín Froiz

Poio
15 de setembro 2022

A rolda ciclista autonómica de categoría elite e sub-23 deu comezo este xoves o seu XX edición desde Combarro, nunha primeira etapa que finalizou nos arredores do Mosteiro de Poio. O pelotón, tras unha saída neutralizada, detívose para render unha sentida homenaxe a Magín Froiz fronte á nave que a súa empresa ten en Lourido

Primeira etapa da XX Volta Ciclista a Galicia en Poio Álvaro García / Federación Galega de Ciclismo

Vibrante primeira etapa da Volta Ciclista a Galicia a vivida este xoves en Poio, nunha xornada cunha gran carga emotiva pola homenaxe prevista á figura de Magín Froiz pola súa achega durante máis de tres décadas ao deporte da bicicleta.

A saída oficial da rolda autonómica por etapas para as categorías elite e sub-23, na súa XX edición, deuse en Combarro cun pequeno tramo neutralizado. Neste percorrido controlado, os 117 ciclistas de 18 equipos participantes detivéronse en Lourido ante a nave da empresa Supermercados Froiz. Alí o pelotón mostrou o seu agarimo á familia do falecido empresario.

Despois da homenaxe tocaba a quenda de renderlle tributo na estrada, con 157 quilómetros de percorrido nunha etapa rompepernas, e que se empezou a decidir xa moi pronto.

Nos compases iniciais formouse unha escapada que terminaría sendo a fuga boa da xornada. Nela viaxaban 8 homes, con dous representantes dun motivado Froiz como Manuel Rodríguez e Daniel Jiménez, ademais de Alexander White (Louriña), Francisco Muñoz (Eolo Kometa), Ruiz de Arcaute (Caixa Rural), Jorge González (Gomur), Nicolás Antorena (Rías Baixas) e Arseny Nikiforov (CC Catalunya).

O grupo de fuxidos foi collendo vantaxe. Era xa de 1:15 no quilómetro 30, e chegou aos 8:20 na cima da primeira cota puntuable, o Mini Tour.

O neozelandés Alexander White coroaba en primeira posición, avanzando o que pasaría no decisivo e esixente Alto da Escusa, de 1ª categoría e cima a 18 quilómetros de meta. O ciclista do Louriña marchou en solitario coroando con 1:05 sobre o seu inmediato perseguidor, Carlos Gutiérrez (Cortizo), que chegaba desde atrás.

Sufiuciente oco para chegar a meta e alzar os brazos nun triunfo de moito mérito. O pelotón entraría finalmente a 2 minutos e 26 segundos.

Tras a etapa de Poio a Volta Galicia vivirá aínda tres intensas xornadas de ciclismo en Taboada, Manzaneda e Ponteareas, con final previsto o vindeiro domingo 18 de setembro.