Álex González, granate do mes

Pontevedra
18 de novembro 2020

O novo capitán do equipo conseguiu dous tantos fundamentais para sumar a vitoria nos partidos contra o Rácing de Ferrol e o Celta  B

Álex González recibe o premio ao mellor xogador do Pontevedra do mes de outubro Pontevera CF SAD

Completado o primeiro mes de competición, o Pontevedra retoma o costume de conceder o premio a xogador do mes ao futbolista que mellor rendeu sobre o céspede, neste caso, durante o mes de outubro. Cos votos dos afeccionados a través da páxina de Facebook do club, Álex González foi o triunfador co 53 % dos votos por diante de Mario Fernández e Imanol.

O novo capitán do equipo anotou dous tantos vitais para conseguir as dúas vitorias, en Ferrol e en Pasarón fronte ao Celta B, que suma o Pontevedra neste inicio de liga. Ademais, o extremo cántabro conseguiu tamén anotar no último desprazamento a Zamora cun tanto moi parecido ao logrado na Malata, pero que o colexiado anulou por fóra de xogo.

Ao seu coñecido e perigoso desborde por banda e a súa capacidade para colocar centros medidos á cabeza dos dianteiros, González engadiu este curso a faceta de goleador ao seu repertorio. "Agradezo á xente que gastou o seu tempo en votar e aos compañeiros porque o bo facer é cousa do equipo. Os premios individuais veñen sempre polo colectivo", remarcou o capitán granate con humildade.

Durante a entrega dun trofeo que o ano pasada monopolizó Churre, González referiuse ao rival do domingo. "Non está no seu mellor momento pero ten bos futbolistas e moito potencial, esperamos facer un bo partido para quedarnos cos tres puntos", concluíu o novo xefe dun vestiario granate no que os seus dotes de liderado xa eran coñecidas, pero que agora loce exhibe tamén fóra da caseta.