O camiño á salvación está un pouquiño máis preto para o Pontevedra CF, que segue en modo heroe en Pasarón tras a chegada de Juan Señor ao banco. Os granates impuxéronse ao Córdoba en todas as facetas de xogo para sumar tres puntos vitais grazas a dous goles do capitán Álex González na primeira metade.
Desde o minuto uno foi dominador absoluto o Pontevedra, optando por unha presión alta que complicaba cada saída dun Córdoba ao que non lle duraba nada a posesión. Gañaba cada balón o conxunto granate, eran solventes en defensa e o único que lles faltaba era chegar con claridade a área rival.
Precisamente dos granates foi o primeiro chute aos 12 minutos de xogo. Roubou Churre en tres cuartos de campo e Borja Domínguez buscou o gol cun chute afastado que se foi moi desviado. 5 minutos despois, e tras unha presión alta noutro intento de saída dos andaluces, o 20 granate roubou a carteira ao seu par, cedeu a Álex González, e o capitán desde o balcón da área sacou un potente zurdazo que enchufó na portería de Carlos Marín.
Gustábase o Pontevedra levando o peso do encontro, mentres ao Córdoba non lle saía nada e víase completamente superado, en especial por un Álex González moi activo en tarefas ofensivas e protagonista en todas as chegadas de perigo dos seus.
E tardaron os visitantes máis de media hora en axexar a área de Álvaro Cortés. Kike Márquez abriu á dereita cara a Willy, cedeu a Márquez, que entraba desde segunda liña, pero o seu disparo non atopou portería.
Parecía que con esa xogada chegarían os mellores minutos do Córdoba, pero nun saque de banda mal defendido, Álex González volveu castigarlle poñendo máis terra polo medio. Sacou Seoane cara a Charles, o brasileiro enviou un globo ás costas da defensa, e o capitán, de primeiras, superou por baixo a Marín para anotar o 2-0.
Os visitantes trataron de reaccionar ao tanto granate nos últimos minutos do primeiro tempo e Germán Crespo moveu ficha desde o banco cun dobre cambio, dando entrada a Juan Villar e De las Cuevas en lugar de Alonso e Márquez. E foi precisamente De las Cuevas o que tivo nas súas botas as opción de abrir a lata para os seus. Willy envioulle un balón ao espazo, Cuevas plantouse só no man a man con Cortés, pero o gardameta granate aguantou o suficiente para tapar a portería e evitar o gol.
Arrincou a segunda metade cunha boa chegada do Córdoba, pero o remate de Willy ao centro de Juan Villar foise completamente desviado. Era o preludio do que ocorrería ao longo dos seguintes 45 minutos.
E é que os visitantes pasaron de dominados a dominadores, trenzando xogadas e chegando con claridade a área granate. Apostou Germán Crespo por meter artillería en ataque con Casas e Canario en busca dunha reacción mentres o Pontevedra tíñase que esforzar en tarefas defensivas para manter a portería a cero. Alcanzado o minuto 65 chegou a ocasión máis clara do conxunto andaluz. Sacaron de esquina, o balón caeu en Diarrá, pero o seu tiro deu no pau. Pouco despois, Casas foise con potencia por banda dereita ata a liña de fondo, enviou un pase da morte ao que non chegou Juan Villar, que entraba ao momento de penalti, pero si o fixo Simo desde o segundo pau, que fallou o infallable xutando ás nubes.
Desapareceu despois desa xogada o Córdoba e o Pontevedra xa non viu perigar o resultado. Entrou así o partido nos últimos 5 minutos, Álex González volveu a importunar a portería de Carlos Marín cun bo chute desde a media lúa co que puido sentenciar o encontro, pero o gardameta rival estirouse ben para enviar a córner.
Concluíu o partido en portería granate, cos visitantes buscando o gol á desesperada e cos de Juan Señor con tres puntos máis no peto que o achegan un pouquiño máis á salvación.
PONTEVEDRA CF (2): Álvaro Cortés, Ángel Bastos, Churre, David Soto, Álex González (Martín Diz, min. 94), Brais Abelenda (Masogo, min. 75), Charles (Alberto Rubio, min. 64), Borja Domínguez, Seoane e Javi Robles (Derik Osede, min. 75).
CÓRDOBA CF (0): C. Marín, José Ruiz, Calderón, Jorge, Armando, Willy Ledesma (Casas, min. 61), Alonso (Juan Villar, min. 38), C. Puga (Canario, min. 61), Simo (Javi Flores, min. 76), Kike Márquez (De las Cuevas, min. 38), Diarra.
Goles: 1-0, Álex González, min. 17. 2-0, Álex González, min. 33.
Incidencias: Partido correspondente á 30 xornada do Grupo I de Primeira Federación disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante 1.900 espectadores.