Sete tempadas no Pontevedra Club de Fútbol leva xa de maneira consecutiva Álex González, tempo no que chegou a converterse por méritos propios no capitán do equipo e nun dos xogadores máis queridos pola afección.
Os números avalan esa transcendencia e importancia no equipo xa que o extremo cántabro, que aterrou no club no campaña 16-17 procedente do Lealtad, finalizou o presente curso rondando xa o top-10 histórico da entidade.
Álex disputou en todo este tempo 235 partidos oficiais coa elástica granate entre Liga, Copa do Rei e de Copa Federación, competición esta última na que disputou 5 partidos. Esta cifra convértelle nun dos xogadores con máis encontros no club nas tres primeiras categorías do fútbol nacional.
Por diante González só ten xa a outros grandes mitos da historia do Pontevedra como Plaza (246 partidos), Cholo (267), Mauro (280), Pablo Vázquez (288), Charles (296), Calleja (302) e Pablo Couto (304).
A estes números súmanse os seus 29 goles de granate, dos que 27 producíronse en Liga, 2 en Copa RFEF e 1 en Copa do Rei, algún deles moi lembrado ao anotar en partidos clave como o que supuxo o título de Copa RFEF 17/18, un dos goles logrados na xornada final da mesma tempada no campo do Atlético B co que se conseguiu salvar a categoría in extremis, tamén co Oviedo B na 20/21 ou o conseguido hai un ano contra o Salamanca en Pasarón que amarraba o ascenso a Primeira RFEF.
Álex é un dos xogadores que teñen contrato co Pontevedra para a próxima tempada, e non se plantexa outra cousa que non sexa continuar na Boa Vila. "Son un dos que ten contrato, pero independentemente diso quería seguir aquí", afirmou o sábado ao termo do partido co Deportivo.
O cántabro, afectado polo descenso, quixo "pedir perdón pola nosa banda á afección, ao club" xa que "a realidade é que este ano os xogadores a nivel grupal non rendemos o que tiñamos que render, porque eu creo que este grupo tiña nivel para salvarse".
Por todo iso agora é tempo para "tentar desconectar o máis rápido posible porque o ano que vén eu persoalmente quero volver á categoría na que estabamos este ano, tentar volver enganchar na afección como se enganchou na Segunda RFEF que había unha comuñón moi importante e conseguimos ascender. Espero poder volver a Primeira RFEF", sinalou con ambición na despedida dunha tempada que "non foi a que esperabamos". Palabra de capitán.
** Nota aclaratoria: Algúns datos de xogadores históricos poden sufrir variacións debido ás tempadas nas que o Pontevedra militou na Terceira División sendo esta a terceira categoría, e cuxos datos estatísticos non é posible consultar nas bases de datos habituais. Correspóndense principalmente ás campañas 73-74, 74-75, 75-76, 81-82, 82-83 e 83-84.