O Arosa SC suma unha nova peza ao plantel coa que arrincará a tempada en Terceira RFEF.
Trátase do dianteiro Álex Comparada, xogador natural de Pontecesures e formado na canteira do RC Celta de Vigo.
A pesar da súa mocidade, con 20 anos, Álex Compa chega ao club arlequinado tras competir o último curso en Segunda RFEF nas filas de Cartaxena B e UD Logroñés. Antes diso chegou mesmo a debutar co filial celtista en Primeira RFEF en idade xuvenil.
Un ariete "de área, traballador e loitador", define o Arosa sobre o seu último reforzo.
Pola súa banda o futbolista, que será presentado oficialmente este xoves na Lomba, asegurou nas súas primeiras palabras como arosista que a súa fichaxe polos de Vilagarcía supón "un reto moi ilusionante" no que tentará achegar o máximo "e tomar cada partido coma se fose o máis importante".