Álex Chan, o adeus dun xogador referente para o Cisne: "Isto non podía ser eterno e este ano toca despedirnos"

Pontevedra
01 de xuño 2023

O central pontevedrés despediuse depedido oficialmente do club cisneísta rodeado de compañeiros, amigos e familiares nunha rolda de prensa celebrada este xoves no Hotel Galicia Palace. O seu próximo destino será o San Pablo Burgos

Despedida de Álex Chan como xogador do Cisne Mónica Patxot

Cando o Club Cisne Balonmán logrou en 2015 aquel lembrado e histórico ascenso á División de Honra PrataÁlex Chan xa estaba alí, tras chegar anos antes á entidade despois de formarse no Teucro.

Pouco importou a súa procedencia, e pronto se converteu en "un referente desta xeración", recoñece o presidente cisneísta Santiago Picallo. Por ese motivo o seu adeus máis dunha década despois, con dous ascensos á Liga Asobal no seu palmarés, sendo o terceiro máximo goleador este curso da máxima categoría, e convertido en internacional coa Selección de Estados Unidos, foi un momento tremendamente emotivo.

Rodeado de moitos compañeiros de todos estes anos, familiares e amigos, Chan despediuse do Cisne nunha emotiva rolda de prensa celebrada este xoves no Hotel Galicia Palace. Queda un último partido co equipo, antes de emprender unha nova aventura no San Pablo Burgos da División de Honra Prata.

"Isto non podía ser eterno e este ano toca despedirnos, sabiamos o difícil que era a decisión para tomar, pero só cunha mirada e pode que no fondo contrario ao que che gustría ter dito dixéchesme con sinceridade, estamos moi orgullosos de ti", explicou o central pontevedrés en relación ao presidente do club.

"Non se se será a última vez que vista esta camiseta, pero se o é marcho tranquilo", asegura Chan, que agora pasa "a testemuña aos seguintes para que sigan mantendo os valores do club e empecen unha nova etapa sen compararse con ninguén, que o fagan á súa maneira e que acepten o reto como unha vez fixeron xogadores da casa, novos, non moi altos e non moi fortes aos que hoxe considero lendas".

Entre outros Chan agradeceu o apoio do seu pai, un José Manuel Chan, que formou a "xeracións e xeracións de xogadores, en especial a nosa, ensinándonos a intelixencia do balonmán, a competitividade e a confiar en nós mesmos e no noso traballo", a súa nai, a súa parella, directivos e colaboradores do Cisne e aos seus amigos: "Nunca gocei tanto como xogando convosco e tiramos uns doutros para conseguir o que nunca se podería conseguir nin en soños, porque era demasiado grande para soñalo", sinalou en referencia aos tres ascensos vividos nos últimos anos, un a Prata e dous a Asobal,

Pola súa banda Santiago Picallo defendeu que "desde o club agradecemos todo o esforzo que fixo, todo o que deu polo Cisne, todas as horas que se machucou adestrando, todas as veces que tivo que compaxinar estudos e exames coas viaxes", a ser un xogador referente polo seu rendemento sobre a pista pero tamén pola súa formación, ao compaxinalo cos seus estudos universitarios.