O Club Cisne Balonmán está a vivir un inicio soñado no seu regreso á Liga Asobal. A pesar da derrota no seu primeiro encontro na cancha do Anaitasuna, os pontevedreses sacaron rendemento ás súas boas sensacións con dous triunfos consecutivos que achegan unha gran dose de confianza para seguir traballando co obxectivo da permanencia na máxima categoría.
Pero o Cisne de Javier Márquez, ademais de destacar en aspectos colectivos do xogo, ten a dous homes como piares, o central Álex Chan e o gardameta Roney Franzini, e é que as súas actuacións individuais dispararon ao equipo branco.
No caso do central pontevedrés, Chan situouse no alto da clasificación de máximos goleadores de Asobal con 28 tantos e unha media de 9,33 por partido, unhas cifras ao alcance de moi poucos.
En plena madurez deportiva, o internacional coa selección de Estados Unidos destacou fronte ao Sinfín non só na direccion de xogo, senón na súa alta efectividade, cun 100% de acerto. Lanzou 10 veces a portería e todas elas acabaron en gol, sen fallo desde os 7 metros (6 lanzamentos).
Pola súa banda Franzini foi todo un pesadelo para o Sinfín na portería, con nada menos que 17 intervencións e un 36,96% de acerto, actuación destacada mesmo pola conta oficial da Liga Asobal.
No que respecta a a tempada o porteiro brasileiro do Cisne suma 29 paradas e un 35,37% de acerto, unha porcentaxe que para poñelo en contexto compite co dos dous gardametas do todopoderoso Barcelona, como son Gonzalo Pérez de Vargas (37,65%) e Emil Nielsen (36,67%).
Por aí explícase en parte o gran inicio do Cisne, que grazas aos 4 puntos sumados no seu marcador afrontará con menos presión os seus próximos e complicados duelos, primeiro na pista do Ademar de León e despois recibindo o Granollers.