O atletismo marinense alcanzou este fin de semana unha nova cota histórica na Rúa (Ourense), onde o Club Deportivo Pinarium proclamouse subcampión galego absoluto de cros por clubs en categoría masculina.
Con este resultado o equipo asegúrase unha praza no Campionato de España que se celebrará en Atapuerca (Burgos) o próximo novembro.
O club de Santomé (Marín) rozou a gloria ao quedar a tan só tres puntos do campión, o Atletismo Narón, mellorando o bronce conseguido o ano pasado en Ribadavia.
Este histórico resultado é, segundo a entidade, froito dunha ambiciosa aposta deportiva que incluíu a fichaxe estrela do salmantino David de la Fuente, quen brillou con luz propia ao colgarse o bronce individual, só superado polo olímpico Antonio Serrat e Ero Doce.
A columna vertebral do equipo completouse con atletas de primeiro nivel como os marinenses Manuel Lorenzo, Gustavo Santiago, Juan Soto e David Otero, os pontevedreses José A. Santiago e Andrés Rodríguez, e o ferrolán Roberto Martínez.
"Este resultado sitúa a Marín e ao noso humilde club entre os mellores de Galicia, superando a equipos de grandes cidades que nos cuadriplican en orzamento", destacou Diego González, presidente do CD Pinarium, quen subliñou a importancia deste éxito para consolidar o proxecto deportivo do club, que cumprirá 15 anos de historia.
En categoría feminina, o equipo tamén deixou a súa pegada cun meritorio sétimo posto absoluto, grazas ás actuacións de Manuela Montes (Brasil), Laura Pérez, Paula Rosales, Anxos Igrexas e María Igrexas.