Ale de Paz tomba o Alcorcón e clasifica o Poio Pescamar para a fase final de Copa

Poio
19 de decembro 2024

Catro anos despois o Poio Pescamar volverá competir na fase final da Copa da Raíña, tras vencer este mércores o Alcorcón nun vibrante partido

O Poio Pescamar celebra o pase á fase final da Copa da Raíña Poio Pescamar FS

O Poio Pescamar estará, catro anos despois, na fase final da Copa da Raíña.

Desde que rozase cos dedos o título en 2020, o conxunto conserveiro non volvera a pisar as eliminatorias decisivas do torneo copeiro, pero iso cambiou este mércores tras un vibrante partido na cancha do Alcorcón.

Era unha proba verdadeiramente exixente, xa que as vermellas medíanse ao actual cuarto clasificado en liga, que lles avantaxa en cinco puntos na pelexa polo play-off de ascenso, e facíano nun momento delicado polos resultados das últimas semanas, nas que acumula cinco xornadas de liga sen vencer.

Nese intervalo as xogadoras entranadas por Luís López-Tulla empataron nun duelo de poder a poder co propio Alcorcón (3-3), nun precedente que podía avanzar o que ía ser o partido de Copa.

Esa intensidade e igualdade máxima volveu trasladarse á pista, pero esta vez a moeda saíu cara para o Poio Pescamar.

O conxunto conserveiro soubo aguantar as acometidas do seu rival, ameazar por momentos e terminar matando nos últimos minutos.

Porque houbo que esperar ao minuto 34 de xogo para que chegase o único gol do partido. Foi nunha rápida transición do Poio comandada por Laura Uña para habilitar a unha Ale de Paz que cun potentísimo disparo conseguía anotar.

Lanzáronse os locais a polo empate nos últimos minutos, mesmo co xogo de cinco, pero defendeuse con uñas e dentes o equipo vermello para levar o triunfo e a clasificación.

Están, por méritos propios, nos cuartos de final da Copa da Raíña. Un triunfo co que recobrar ademais sensacións e mirar ao futuro con optimismo.