Alberto Argibay Pazos é o abandeirado do movemento Acción Granate, colectivo de accionistas minoritarios que loita por recuperar, polo menos, parte do poder que no seu día tiveron os socios na xestión do Pontevedra. Capacidade para opinar e participar nos proxectos do club, á vez que realizar unha función de control, tan necesaria tras comprobar o pésimo labor ofrecido por todos os xestores que pasaron dende a conversión en sociedade anónima deportiva e que levaron ao bordo da desaparición, unha vez máis, á histórica institución da cidade do Lérez.
Mesmo, o ex adestrador granate está disposto a tomar o leme da nave, co apoio do colectivo de afeccionados do que forma parte. Presentaron o seu proxecto e esperan que movan ficha os que realmente teñen o poder para poñer ou quitar rei, os accionistas maioritarios.
Argibay é cauto á hora de falar sobre a posibilidade de dirixir o Pontevedra. Evita facer público se conseguiu ou non apoios de peso dentro do conxunto de accionistas, quizais porque a partida para solicitalos aínda se está a xogar. Non repara, non obstante, en comentarios directos e precisos á hora de axuizar o actual consello de administración, especialmente a Lupe Murillo, agora no Consello, antes en labores de asesoramento, á que outorga o papel de ser unha alternativa pouco recomendable para a presidencia.
Que pasos está a dar Acción Granate e cales son os plans de futuro?
O presente foi unha declaración de principios do que buscamos, a presenza do accionista minoritario no consello a nivel informativo e poder cambiar o modelo de xestión, incorporando profesionais. Informamos o afeccionado para que entendese o concepto e o proceso que levou ao club á situación de quebra. E de cara ao futuro, decidiremos unha estratexia a partir do posicionamento dos accionistas maioritarios, se contan connosco, e loitar pola atomización do Pontevedra, o que significaría que sexa moito máis democrático. O Pontevedra necesariamente, ten que cambiar o seu modelo de xestión. Non ten sentido saír dun proceso concursal para racionalizar a débeda, e seguir co mesmo modelo de xestión e co mesmo Consello que contribuíu a aumentar a devandita débeda. Ponse como escusa a excasez de socios, pero en realidade é a escaseza de ideas e dun equipo de traballo. No futbol español, e a pesar da crise, os clubs aumentaron os seus ingresos tanto en despachos coma en subscritores, publicidade e patrocinadores.
Dende a conversión en sociedade anónima, a dirección do club viviu de costas á masa social. Vostedes, independentemente de acceder ou non á xestión, reclaman sen condicións a presenza dalgún representante dos accionistas minoritarios no consello de administración.
Os afeccionados son a razón de ser dun club de fútbol e cando un accionista maioritario non os ten en conta, rompe a esencia da sociedade. A maioría das entidades que pasaron por un proceso de quebra, a partir do control dun mecenas, decatáronse, dando a maior participación posible ao socio e buscando, sobre todo, a súa maior penetración social en todas as áreas da entidade, de que hai que volver á esencia do club.
Ademais do coñecido malestar e preocupación dos afeccionados, que se encontrou en Acción Granate?
O fundamental é que o Pontevedra está vivo e que o afeccionado demanda un cambio. O que pasa é que hai que organizar as ideas para establecer unha folla de ruta. Hai que ter claro cal é o camiño para ese cambio que se pide. Vai ser un proceso lento, de educación, de información e, sobre todo, dun liderado claro para que os axentes que interveñen nese proceso, que serían os accionistas maioritarios e minoritarios, os afeccionados e a clase política, se senten nunha mesa a analizar o fondo do problema.
Cal é a súa valoración do proceso concursal?
Para min hai un antes, cando o Pontevedra do 2007 ao 2011 entra nunha situación de quebra e tiña que ter presentado concurso dous anos antes como obriga a lei de sociedades anónimas deportivas. O que me sorprende é que houbese conselleiros que no seu día non asinaron as contas e que deixasen avanzar o problema dous anos máis, entre eles Lupe Murillo, que hoxe é candidata á presidencia. O que se pretende co proceso concursal é reducir a débeda un 85% aproveitando o marco xurídico. O escenario que se formula a partir de agora é quen vai levar adiante ese plan de viabilidade? ÿ unha situación extrema que é necesario que a desenvolvan profesionais. Non podes facer un recorte da débeda para que logo siga a xestión en mans de afeccionados, como pasou, contribuíndo a seguir empeorando a situación.
"O meu equipo actuaría altruistamente, algo así como a xunta xestora que no seu día fixo Pedro Rivas, porque é evidente que o Pontevedra non pode asumilo economicamente,"
No seu proxecto presentou a un grupo amplo de profesionais para as diferentes áreas do club que, loxicamente, a entidade non pode asumir economicamente.
ÿ un equipo que actuaría altruistamente, algo así como a xunta xestora que no seu día fixo Pedro Rivas, porque é evidente que o Pontevedra non pode asumilo economicamente. En realidade quen tería que facer iso é o xuíz concursal, pero seguramente como é consciente de que hai unha limitación económica, alguén ten que dar ese paso, aínda que sexamos os minoritarios dende unha posición menos forte. Debían facelo os accionistas maioritarios.
Falando dos que posúen a maior porcentaxe de títulos. Terá tido reunións con algúns. Sabe que plans teñen?
Teñen que posicionarse, porque posúen a voz e o voto para decidir que estratexia seguir. Pero creo que vai ser necesario que se senten todos os axentes a analizar o problema, representantes dos accionistas maioritarios, os minoritarios e da clase política. Calquera que sexa a solución, hai un denominador común, profesionalizar a xestión, pola contra o club sempre estará en situación de respiración asistida.
Non parece doado o consenso. Existe unha encarnizada loita polo poder.
Que haxa alternativas é bo, porque o accionista pode decidir. Outra cousa é que haxa coherencia nesas alternativas, o que implica actitude democrática, que todo se decida no foro axeitado e polas persoas adecuadas, nunha xunta de accionistas. Coherencia profesional. Detrás dun proxecto ten que haber unha idea, un plan financeiro, deportivo e un equipo de traballo. O proxecto non pode ser personalista, debe ser colectivo.
ÿ curioso que a pesar de ser tan criticado, Mauricio Rodríguez e José Manuel Fernández, leven dous anos e medio á fronte do Pontevedra. Dende logo non é polo seu propio poder accionarial, porque están no grupo dos minoritarios, mesmo diría que moi minoritarios. Teñen o visto e prace ou a permisividade dos maioritarios.
ÿ parte do problema. Hai un consello en funcións, que non é de profesionais, cuxa herdanza é evidente. Houbo unha fractura social, unha deterioración deportiva, ata o punto de que cun presuposto millonario para a categoría non fomos capaces de construír un equipo que xogase o play off e ascendese, o que lle permitiría recuperar gran parte dos seus recursos económicos.
Outro dato sorprendente é que se pida a todo o mundo que participe na ampliación de capital e logo os que deberían dar exemplo non invistan practicamente nin un euro. Ben, nin eles, nin ninguén. Foi un fracaso.
ÿ un proceso pechado, moi curto e pouco explicado, así que é evidente que tiña poucos visos de saír adiante. Ademais, calquera que compre sabe que van seguir xestionando estes. Non se deu unha explicación profunda do que é a prima de emisión, é dicir, por que castigar aos accionistas minoritarios por erros que cometeron os que están no consello.
"Perdes autoridade moral ao intentar que os políticos che nomeen presidenta sen ter proxecto. Hai persoas ás que nos lles interesa o debate porque descobre as súas debilidades"
Fiando a batalla por conseguir a xestión e a ampliación de capital, Lupe Murillo comentou que vostede e ela lastraban o proceso.
Non o vexo así. O Pontevedra non está en eleccións presidenciais, está nese proceso de ampliación de capital que vai derivar nun novo consello. Será despois cando se poidan formular alternativas, agora hai un posicionamento. En segundo lugar, a decisión é dos accionistas maioritarios, nin de Lupe Murillo, nin de Alberto Argibay. E en terceiro lugar, calquera que sexa o proceso ten que ser democrático. Que haxa debate non lastra, enriquece, pero hai persoas que non lle interesa porque ese debate descobre as súas debilidades. Para ser presidente ou parte do consello, ademais de ser bo xestor, hai que ter autoridade moral. Refírome á cultura do famoso 'Pacto do Parador', ao feito de intentar que os políticos che nomeen presidenta ou preman para iso os grandes accionistas, sen ter un proxecto e antes de que remate o prazo de ampliación de capital e se fagan públicos os novos accionistas. Ademais, é unha persoa que estivo na fase previa de bancarrota e foise sen asinar as contas, nin dar unha explicación. Logo, de asesora, o club foi a peor aínda, non sei cual era a súa función. Con todo isto perdes autoridade ante os socios.
Aínda que é un segredo a voces, realmente Lupe Murillo tampouco se propuxo oficialmente como candidata, polo menos dun xeito claro e firme.
ÿ precipitado dicir que un poida ser alternativa cando non ten o poder para selo. Serán os maioritarios os que decidan dentro das opcións que se presenten. Non pode ser persoal, ten que vir avalada por un proxecto de viabilidade, con profesionais, unhas directrices, un consenso. Esquézasenos que o futuro pasa por unha visión política.
Conta co respaldo dalgún ou algúns dos grandes accionistas?
Antes de nada quero deixar claro que non é un proxecto de Alberto Argibay, é de Acción Granate, un colectivo. Ese proxecto non se pode valorar en profundidade ata que estea claro como foi o proceso de ampliación de capital e os accionistas maioritarios tomen posicionamento. A todos se lles explicou, así que poden tomar unha decisión coherente, pero antes debían sentarse eles, os minoritarios e os políticos e buscar unha solución conxunta. Que a clase política faga o papel de moderador, non de imposición de presidente ou consello de administración. Débese cooperar. Que o Pontevedra cree valor, porque é imaxe da cidade, e que todos os proxectos sociais que faga o club, teñan a participación das institucións.
Unha vez que os actuais dirixentes planificaron a nova tempada, que prazos se marca Acción Granate para acceder á xestión, se finalmente logra os apoios necesarios.
Hai que interpretar ben a Acción Granate. Naceu para defender uns principios. Basicamente, presencia no consello para que o accionista estea ben informado, loitar por un cambio no control da xestión, que podemos facer nós ou terceiros, e democratizar a institución. Atomizar o conxunto de accionistas e poñer unhas normas da función do consello de administración para que non se repita a bancarrota. Todo iso para que non se poida volver repetir a bancarrota. Non sei se asumiremos a xestión, pero polo menos que o Pontevedra estea máis fiscalizado para que non se volvan cometer os erros do pasado.
"Sorpréndeme que o actual presidente e o director deportivo sigan marcando as directrices, pois en dous anos nin lograron contruir un equipo competitivo. Non se pode protexer e promover a quen demostrou ser un incompetente"
Non estaba previsto tocar temas deportivos, pero hai unha pregunta obrigada. Se alcanzan a dirección da entidade, que pasaría con Milo Abelleira?
Nós non podemos falar de decisións ao non estar a xestionar o club. Só falamos do noso proxecto, o modelo a seguir. Cuales son as funcións dos profesionais e a estratexia. Por aí pasa a viabilidade, por unha mellor optimización dos recursos. ÿ necesario un cambio no organigrama e potenciar moito máis a área deportiva, pois o obxectivo dun proceso concursal é conseguir que se manteña a actividade. Non obstante as decisións que se tomaron non demostran iso. Aquí recortáronse os gastos, non se optimizaron os recursos e en ningún caso se potenciou o apartado deportivo. Sorpréndeme que tanto o actual presidente coma o director deportivo sigan marcando as directrices, porque ademais de descender ao equipo, non lograron despois de dous anos, e un importante gasto, formar un conxunto competitivo para xogar a fase de ascenso. Nunha sociedade hai que incentivar e estimular a xente competente e non protexer e promover a quen demostrou ser incompetente.