Adrián Cruz e José García, ausentes no primeiro adestramento da semana do Pontevedra

Pontevedra
03 de febreiro 2020

O moañés, última fichaxe do mercado invernal, non se exercitou para pasar revista médica despois de perder os últimos encontros co Guijuelo por problemas físicos. José García pola súa banda deixouse ver por Cerponzóns co brazo en estribeira que se danou no duelo contra o Ibiza

Adestramento do Pontevedra en Cerponzóns Cristina Saiz

O regreso aos adestramentos do Pontevedra Club de Fútbol tras o empate sen goles contra o Ibiza tivo este luns 3 de febreiro dous nomes propios, ambos por estar ausentes da sesión.

Un deles é a última fichaxe do mercado invernal, o moañés Adrián Cruz, que chegou a achegarse ata o campo de Cerponzóns no tramo final da sesión pero que non chegou a vestir de curto.

O centrocampista foi sometido a unha revisión médica, despois de perder as últimas xornadas co seu anterior equipo, o Guijuelo, por problemas físicos.

O outro futbolista que non tomou parte da sesión foi José García, debido á dor no ombreiro que aínda arrastra do choque ante o Ibiza, cando no tramo final do partido danouse a articulación provocando que mesmo o adestrador rival, Pablo Alfaro, médico de profesión, saltase ao campo para comprobar o seu estado.

O extremo deixouse ver polo campo de adestramento co brazo en estribeira, unha situación que complica a súa presenza na próxima xornada de liga, na que os granates visitarán o campo do líder, o Atlético Baleares.

Pola súa banda, nun adestramento planificado de recuperación, Berrocal continuou co seu plan de recuperación coa previsión de incorporarse plenamente ao grupo ao longo da semana.