O Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia chegaron a acordo sobre o apoio do goberno galego á organización da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon que se celebrarán en Pontevedra en 2023.
Xa o pasado mes de decembro o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, comprometía a colaboración afimando que "esa axuda vaise producir", en relación coa implicación nun evento de gran repercusión internacional, e este xoves o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, detallou algunhas das claves dese acordo.
Ademais da achega económica para cadrar un orzamento que o propio rexedor elevou no seu momento a preto de 2 millóns de euros, a Xunta cederá o Centro Galego de Tecnificación Deportiva para que se integre na estrutura da competición, como posible base organizativa da mesma.
Por outra banda, a través do Xacobeo 21-22, a administración galega financiará a proba da Copa do Mundo de Tríatlon que terá lugar na Boa Vila os días 23 e 24 de xullo deste mesmo ano, nun evento concedido pola Federación Internacional para que sirva de test para a Gran Final de 2023.
Tras explicar algúns dos detalles do acordo, Miguel Anxo Fernández Lores mostrou a súa satisfacción pola implicación da Xunta "no evento deportivo máis importante en Galicia en 2023".