O triunfo do pasado sábado ante o Celta de Vigo B en Barreiro deu aire ao Pontevedra e tempo aos seus dirixentes para decidir cal é a mellor opción para o banco granate tras a destitución de Luismi.
Neste sentido nas últimas horas cobrou forza a opción dun veterano da Segunda B como Carlos Pouso, segundo adiantou o domingo a Radio Galega.
Con todo aínda que os contactos co ex entre outros de Logroñés, Racing de Santander, Guijuelo ou Mirandés existen e fóronse achegando posturas entre ambas as partes, non é o único técnico co que se manteñen negociacións abertas.
En todo caso, no club granate márcanse un prazo para pechar un acordo, polo menos de momento, e ese prazo é o do próximo mércores 30 de outubro. É a data na que o primeiro plantel regresará aos adestramentos tras a xornada de descanso prevista para o martes, e por tanto é cando intensificará a preparación para o compromiso ligueiro contra o Melilla.
A idea é que o novo adestrador poida xa vestir de curto ese día, e de non ser así o máis probable pasará a ser a continuidade unha xornada máis de Jesús Ramos no banco para non desviar a atención dos xogadores ante unha cita considerada de vital importancia para tentar afastarse dos postos de descenso.