A XXIII Subida A Escusa quenta motores con 61 pilotos rexistrados

Poio
08 de xuño 2023

A popular proba automobilística, que este ano serve de inicio do Campionato Galego de Montaña, celebrarase o vindeiro sábado 10 de xuño

XXI edición da Subida a Escusa
XXI edición da Subida a Escusa /

Os motores dos coches de competición volverán ruxir en Poio o vindeiro sábado 10 de xuño coa XXIII edición da Subida A Escusa.

A popular proba automobilística cambia de data pasando de setembro ao mes de xuño e servirá este ano para abrir o Campionato Galego de Montaña, ao que regresa tras estar incluído os últimos anos no calendario nacional.

Na cita estarán presentes ata 61 pilotos, segundo figura na lista oficial de inscritos, incluíndo a maioría de grandes favoritos ao campionato tanto na categoría de non carrozados como na de carrozados.

Entre eles atópanse os tres primeiros clasificados o pasado curso, como son Alexis Vieitez (Buxa Motor Poio), Martín Villar (Buxa Motor Poio) e Alejandro Currás (Pontevedra 1984 Team), así como o incombustible Manuel Senra (Senra Sport), campión galego en carrozados o pasado ano co seu Peugueot 306 Maxi.

A Subida A Escusa celebrarase no seu habitual trazado de preto de 3,3 quilómetros de percorrido pola estrada EP-9214 desde o núcleo de Sartal.

Serán en total tres mangas de adestramentos e tres pasadas cronometradas oficiais que darán comezo ás 10.30 horas da mañá e prolongaranse durante boa parte da xornada do sábado.