A Xunta reivindica desde o CGTD os ensinos deportivos como unha opción académica e profesional "de calidade"

Pontevedra
20 de febreiro 2024

O conselleiro de Educación en funcións visitou este martes o alumnado do ciclo de fútbol e balonmán que completa a súa formación no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra  

Visita do conselleiro de Educación ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva Xunta de Galicia

O conselleiro de Educación en funcións, Román Rodríguez, visitou este martes o alumnado do ciclo de fútbol e balonmán que completa a súa formación no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

Na visita o responsable do goberno galego reivindicou os ensinos deportivos "como unha opción académica e de saída profesional de calidade".

Cabe destacar que estes alumnos que se forman no CGTD dependen academicamente do Instituto IES Sánchez Cantón.

Actualmente o CGTD de Pontevedra, a través do Sánchez Cantón, é un dos centros formativos de referencia na comunidade no ámbito deportivo, con cursos como a titulación oficial de grao medio e de grao superior de Técnico Deportivo en Fútbol e Balonmán, que actualmente estudan 101 alumnos.