A Xunta de Accionistas do Pontevedra abordará a sentenza xudicial que anula o nomeamento de Lupe Murillo como Conselleira Delegada

Pontevedra
28 de novembro 2022

O club granate ampliou a orde do día da convocatoria da súa Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas que se celebrará o próximo 20 de decembro para informar sobre unha sentenza da Audiencia Provincial que anula os nomeamentos de Lupe Murillo pero tamén de Enrique Mariño como conselleiros delegados da entidade. Serán os primeiros puntos a tratar nunha reunión na que tamén se revelará o balance contable do club ao 30 de xuño de 2021

Lupe Murillo, Manuel Ruibal e Enrique Mariño chegando á Xunta Xeral de Accionistas do Pontevedra CF SAD celebrada en 2021 Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol ampliou a orde do día da súa próxima Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas, que se celebrará o próximo 20 de decembro (17.30 horas en primeira convocatoria), debido a un fallo xudicial da Audiencia Provincial.

Esa sentenza, publicada por La Voz de Galicia, responde a un recurso que impugnaba a declaración de Lupe Murillo e Enrique Mariño como conselleiros delegados do Pontevedra, e que agora foi anulada contrariando o fallo previo no Xulgado Mercantil número 1, que dera a razón aos dirixentes da entidade.

O que si desestimou a Audiencia Provincial foi o recurso de apelación interposto no relativo á aprobación das contas anuais e do informe de xestión, tras a denuncia do grupo de conselleiros opositor á xestión da presidenta granate.

Coa modificación da orde do día da Xunta de Accionistas, publicada este luns no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME), os primeiros puntos a tratar serán precisamente os informes do Consello de Administración sobre a anulación de ambos os dous nomeamentos.

Tras esas explicacións chegarán o resto de puntos xa anunciados, entre os que destaca o exame e aprobación, no seu caso, das contas do club granate correspondentes ao exercicio social pechado ao 30 de xuño de 2021, é dicir, cos números correspondentes á tempada post-pandemia que supuxo a reestruturación da terceira categoría nacional.