A xunta de accionistas coas contas do ano da reestruturación, un asunto pendente para o Pontevedra

Pontevedra
01 de xuño 2022

O Pontevedra Club de Fútbol ten pendente convocar a súa Xunta Xeral de Accionistas, na que debe presentar as contas da tempada da reestruturación da Segunda B e aprobar os números do curso que acaba de finalizar co ascenso a Primeira RFEF

Xunta xeral de accionistas do Pontevedra CF SAD Mónica Patxot

Ademais da actualidade en materia deportiva coa planificación do seu persoal, o Pontevedra Club de Fútbol ten outro asunto pendente encima da mesa, a convocatoria da Xunta Xeral de Accionistas da entidade.

O club granate traballa na convocatoria na que debe dar a coñecer, entre outros aspectos, as contas do ano da reestruturación da Segunda B, que concluíu con decepción ao descender á recentemente creada Segunda RFEF aínda que salvando os mobles para non ceder máis categorías.

Na última xunta, celebrada en abril de 2021 e na que a presidenta Lupe Murillo renovou por cinco anos o seu lugar no Consello de Administración, o Pontevedra anunciou unha previsión orzamentaria para a campaña 20/21 con 1.372.786,77 euros de ingresos e un superávit previsto de 1.386,77 euros, o que supoñería o sétimo ano consecutivo con números positivos, con todo nun curso complicado no deportivo e tamén no económico debido ás restricións derivadas da pandemia, a dificultade para cubrir o orzamento foi máxima.

Doutra banda na Xunta Xeral de Accionistas a entidade de Pasarón debe presentar as previsións económicas da tempada que acaba de finalizar co ascenso a Primeira RFEF, ademais de actualizar o estado da débeda que na última ocasión que se presentaron as contas estaba situada nos 991.277 euros.

Unha cita importante para o Pontevedra antes de pechar o capítulo da Segunda RFEF e centrarse no seu novo reto nunha terceira categoría nacional que se presenta como moi atractiva para o afeccionado.