A Xunta compromete o seu apoio á Gran Final das Series Mundiais de tríatlon: "Esa axuda vaise producir"

Pontevedra
15 de decembro 2021

O Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, confirmou este martes en Pontevedra que a Xunta se sumará ao gran evento internacional de 2023 que acollerá a Boa Vila, e cuxo orzamento roldará os 2 millóns de euros segundo o revelado no seu momento polo alcalde

José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia Xunta de Galicia

A Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon que se celebrará en 2023 en Pontevedra é o evento deportivo máis grande e relevante dos que acolleu a Boa Vila, por iso toda axuda é necesaria para levalo a cabo.

Dúas patas principais niso, Concello de Pontevedra e Deputación, mostraron o día da designación da cidade como sede da competición que ían da man na súa organización, e faltaba por coñecer se a Xunta se involucraría cun evento que colocará a Galicia no mapa internacional, como sucedeu en anteriores campionatos.

Esa incógnita despexouna este martes o Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón  Lete, nunha visita institucional con motivo da constitución do Comité Organizador do Mundial Sub-23 de Loitas Olímpicas.

"Esa axuda vaise producir", sinalou o máximo responsable do deporte autonómico a preguntas dos xornalistas. "De momento tivemos unha conversación o alcalde e eu pero estamos a falar do ano 23 e temos tempo. Formalizarase como o fixemos en todas as ocasións anteriores" afirmou antes de resaltar que previamente, en 2022, "temos unha chea de probas internacionais de todo tipo e de todas as modalidades deportivas".

Esta unanimidade institucional preséntase cun aspecto básico para que a Gran Final das Series Mundiais se poida organizar con todas as garantías, tendo en conta que o propio alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, situou o orzamento previsto para o evento ao redor dos 2 millóns de euros.