A volta de Rufo, sen présa: "É certo que está a avanzar a súa recuperación pero é lenta"

Pontevedra
15 de novembro 2021

"Temos que ter calma", defendeu o adestrador do Pontevedra, Ángel Rodríguez, sobre a recuperación do dianteiro madrileño, ao que se lle puido ver correr sobre o céspede de Pasarón antes do atopo fronte ao Navalcarnero

Churre e Rufo, nun adestramento do Pontevedra en Pasarón
Churre e Rufo, nun adestramento do Pontevedra en Pasarón / Mónica Patxot

Por primeira vez esta tempada o Pontevedra Club de Fútbol quedou a cero, sen ver porta no encontro que lle enfrontaba ao Navalcarnero correspondente á xornada 11 de liga. Por ese motivo moitos dos afeccionados presentes en Pasarón acordáronse dun dos seus ídolos, o dianteiro Rufo, lesionado no seu nocello desde hai varias semanas.

Os que madrugaron para chegar ao estadio pontevedrés puideron ver ao ariete madrileño correndo sobre o céspede, unha imaxe que disparaba o optimismo dun regreso cada vez máis próximo. 

Con todo na rolda de prensa posterior ao partido Ángel Rodríguez encargouse de rebaixar esa sensación asegurando que se trata de "unha lesión coa que temos que ter calma".

Rufo caeu lesionado o pasado 24 de outubro en Segovia, sendo diagnosticado días despois cunha "escordadura de grao II-III con edema óseo postraumático en astrágalo". Esta doenza, recoñeceron desde o club, conta cun período estimado de baixa de entre 4 e 6 semanas, o que levaría o horizonte do regreso do goleador ata o mes de decembro.

"Queda aínda para recuperar, é certo que está a avanzar a súa recuperación pero é lenta", sinalou este domingo o técnico granate defendendo que "todos sabemos que é un xogador fundamental para nós, pero entendo que o fundamental para el e para nós é que se recupere ben e que cando volva o faga sen  nigún problema", resolveu Ángel Rodríguez descartando ao seu futbolista polo menos para a próxima xornada de liga, na que o Pontevedra visitará o campo do Real Avilés.