A Volta a Galicia parte este ano desde Poio nunha homenaxe a Magín Froiz

Pontevedra
07 de setembro 2022

A carreira, que se celebrará entre o 15 e o 18 de setembro, está dividida en catro etapas con saídas desde Poio, Taboada, Manzaneda e Ponteareas

Presentación da vixésima edición da Volta a Galicia Xunta de Galicia

A Volta a Galicia de ciclismo, que se celebrará entre o 15 e o 18 de setembro, partirá desde Poio nunha homenaxe ao falecido Magín Froiz polo seu valioso labor na promoción e apoio ao deporte da bicicleta.

Na presentación do evento, o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, recordou ao fundador do grupo alimenticio Distribucións Froiz como un "pioneiro que traballou de xeito incansable polo benestar galego desde a economía ata o deporte apoiando e patrocinando diferentes eventos deportivos". Neste sentido, fixo fincapé no impulso que supuxo para o ciclismo galego a "creación en 1987 xunto a Evaristo Portela do Grupo Deportivo Supermercados Froiz con grandes logros na categoría elite e sub-23. En concreto, na Volta Ciclista a Galicia acadou a vitoria ata en sete ocasións", destacou.

A vixésima edición da Volta a Galicia constará de catro etapas, percorrerá 600 quilómetros da xeografía galega e terá saídas desde os Concellos de Poio, Taboada, Manzaneda e Ponteareas. Trátase dunha carreira de gran tradición, de categoría elite e sub 23, que ten na súa palmarés a gañadores ilustres como Delio Fernández, Miguel Induráin, Frank Vandenbroucke ou Andrew Hampsten.

Na edición deste ano competirán 18 equipos, dos que dez son galegos: Cidade de Lugo, Cortizo, Drone Hopper, Farto, Grupo Deportivo Supermercados Froiz, Lasal Louriña, Oiense, Retelec Alca, Rías Baixas e CC Vigués.

O percorrido das catro etapas será presentado nos próximos días, pero a primeira etapa, con saída desde Poio, inclúe o paso polos concellos de Meaño, Cuntis, Pontecesures, Catoira ou Ribadumia. Na segunda, o pelotón cruzará Taboada, Monterroso, Portomarín, Sarria, Bóveda, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos e Chantada. Mentres que a terceira parte desde Manzaneda para pasar pola Pobra de Trives, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras e A Veiga. A carreira decidirase na cuarta e última etapa con saída desde Ponteareas e paso polos municipios das Neves, Fornelos de Montes, Mondariz e Mondariz-Balneario.