A segunda vitoria a domicilio do Pontevedra non puido chegar en mellor momento para os intereses granates. O equipo que dirixe Antonio Fernández aproveitou os malos resultados de todos os seus competidores na carreira polo descenso para comprimir a loita pola permanencia xusto antes do parón do Nadal.
Ademais, os tres puntos conseguidos polo cadro pontevedrés impide ao Alxeciras, que sumaba dúas vitorias e un empate nas tres últimas xornadas, afastarse dos postos de perigo. Os andaluces, undécimos, están a catro puntos da zona de descenso que marca o cadro granate con 18 puntos.
Tampouco está a salvo o Fuenlabrada, que con 21 puntos encabeza o apertado tren da permanencia. O equipo madrileño é duodécimo pero está só tres puntos por encima do Pontevedra. Séguenlle con 19 puntos Unionistas e Badaxoz. Con 18 puntos está o Linense, empatado co Pontevedra pero fóra do descenso polo seu mellor diferencia entre goles anotados e encaixados.
Con todo, tanto Linense como Unionistas teñen un partido pendente de disputarse. O encontro suspendido pola choiva o pasado 11 de decembro cando non se alcanzou o minuto 20 de xogo carece aínda de data para a súa continuación.
Na clasificación, por detrás dos galegos aparecen o San Fernando e o Rayo Majadahonda, con 17 e 16 puntos respectivamente. Máis descolgados están o Talavera (13) e o Ceuta (7).
Cos resultados dados na última xornada do ano na Primeira Federación, a carreira por evitar o descenso está máis apertada que nunca. Ata seis equipos (Unionistas, Badaxoz, Linense, Pontevedra, San Fernando e Rayo Majadahonda) están a só tres puntos, pero tampouco poden despistarse Fuenlabrada nin Alxeciras, que teñen só 3 e 4 puntos de vantaxe sobre o descenso respectivamente.
Pola súa banda, o Pontevedra ten por diante tres xornadas que poden resultar cruciais na súa loita pola salvación. Pecharán os granates a primeira volta recibindo ao Badaxoz e co desprazamento a Salamanca para medirse ao Unionistas. Mentres que a asimétrica segunda comezará coa visita dos granates ao Linense. Tres duelos consecutivos con rivais directos pola permanencia.