Sete son os puntos que aínda separan o Pontevedra da consecución do título ligueiro. Aos granates abóndalles con gañar dous dos cinco partidos restantes e empatar un máis para facer inútil o esforzo do Deportivo B por desbancalos do liderado, e con iso das vantaxes que supón afrontar o play-off de ascenso como campión de grupo. E a primeira oportunidade para achegarse a ese obxectivo de sete puntos teraa o cadro de Luisito coa visita do CD Choco (domingo, 17:00 horas) a Pasarón.
Tendo en conta que dos cinco partidos que restan para finalizar a liga regular, tres terán como escenario o estadio pontevedrés, parece claro que facerse forte na casa garante o éxito. Claro que nesta ocasión estará en fronte un rival que acode nunha situación que o fai ser especialmente perigoso. Os de Redondela ocupan un meritorio quinto posto, a só un punto do Rápido de Bouzas, que pecha o cuarteto de postos de play-off.
Será, polo tanto, un choque de grande importancia para ambos os dous equipos. Os de Jacobo Montes foron capaces de puntuar en campos tan complicados como os do Alondras, ÿrdenes, Barbadás e Rácing Villalbés, e saben que co calendario que lles resta, se son capaces de sacar algo positivo deste partido, poden ter ao alcance da súa man dar a sorpresa e rematar entre os que loiten polo ascenso, culminando así unha gran tempada.
A dirección arbitral correrá a cargo do colexiado Manuel Casanova Cudeiro (Ourense), auxiliado nas bandas por José Daniel Rodicio González e Abraham Pérez Dapia.
Espérase unha boa entrada nas bancadas, animada a afección, ademais de polo bo momento do equipo, polas actividades en forma de visita dos xogadores a distintos colexios da zona para repartir convites entre os máis pequenos.
Fran Fandiño e Bruno serán as baixas coas que o Pontevedra afronte o partido, compensadas pola recuperación total de Campillo e Capi, que regresa ao equipo no tramo decisivo da competición.
Fiel ao seu costume nos partidos de casa, Luisito convocou a todos os xogadores dispoñibles: Edu, Lloves, Adrián, Pablo, Campillo, Capi, Rubén Lobato, Kevin Presa, Mouriño, Pedro García, Jacobo, Álvaro Muñiz, Tomás, Anxo, Centrón, Tubo, Jorge, Pablo Carnero e Benja, polo que deberá realizar tres descartes antes do comezo do partido.